A Xunta completa o traslado dos servizos tecnolóxicos do Sergas ao Centro de Proceso de Datos do Gaiás
É un paso máis no proceso de integración de todos os servizos TIC da Administración autonómica no corazón dixital de Galicia
Esta plataforma tecnolóxica permitiralle ao Sergas mellorar a dispoñibilidade das súas aplicacións, e ampliar a capacidade de crecemento para desenvolver proxectos como Innova Saúde e Hospital 2050
O corazón dixital do Gaiás presta xa servizos das Consellerías de Industria e Economía; Traballo e Benestar; Cultura e Ordenación Universitaria; da Secretaría Xeral de Emigración; e da Axencia de Turismo
Unha vez consolidado, o CPDI permitirá aforrar tres millóns de euros anuais en custo enerxético e en investimento e mantemento de hardware
O Servizo Galego de Saúde finalizou a reubicación da infraestrutura tecnolóxica dos seus sistemas de información no Centro de Proceso de Datos (CPDI) situado na Cidade da Cultura, desde o que se xestionan agora servizos como a historia clínica electrónica, a e-receita, a cita previa ou o Expedient-e. Este traslado enmárcase no proceso de integración de todos os servizos TIC da Xunta nesta plataforma tecnolóxica de altas prestacións, que permitirá ofrecer máis e mellores servizos aos cidadáns, incrementando a súa dispoñibilidade con todas as garantías de seguridade.
Ademais, o CPDI proporciona a capacidade de crecemento para abordar proxectos tecnolóxicos chave da Administración autonómica como o Innova Saúde e Hospital 2050, que está a impulsar a Consellería de Sanidade, segundo explicou a conselleira, Rocío Mosquera Álvarez, nunha visita ao centro, na que estivo acompañada de Mar Pereira, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, departamento que xestiona o CPDI.
O traslado do equipamento realizouse en varias fases coa premisa principal de manter activos en todo momento os servizos baseados nas TIC para cidadáns e profesionais. Isto foi posible grazas a un proceso de planificación exhaustivo baseado na redución de riscos e que comezou hai 10 meses.
En concreto, a infraestrutura trasladada polo Sergas é a que se utiliza para garantir a “alta dispoñibilidade” dos sistemas de información como servidores, sistemas de almacenamento, electrónica de telecomunicacións e equipamento de copias de seguridade dos datos; que complementa á existente no CPD de Conxo. Antes deste proceso de cambio, a infraestrutura TIC estaba instalada nos Centros de Procesos de Datos de Conxo e do Hospital Clínico de Santiago.
Coa integración no CPDI reubicáronse un total de 207 servidores de datos, catro cabinas de almacenamento de información, 39 equipos de electrónica de telecomunicacións (tanto de voz como de datos) e catro librerías para a xestión de copias de seguridade. Así mesmo, replicouse un volume de 216 TB brutos de información nos sistemas de almacenamento, conseguindo que dita información estea dispoñible en tempo real en ambas ubicacións.
Servizos TIC para profesionais, cidadáns e empresas
Estes servizos TIC son empregados por todos os profesionais da Consellería de Sanidade e do Sergas, en calquera centro de saúde ou hospital. Nestes momentos, conéctanse diariamente á Historia Clínica Electrónica 14.700 profesionais para acceder a 120.000 historias e rexistrar máis de 80.000 anotacións ao día. Dispénsanse mediante a e-receita un volume diario de máis de 220.000 receitas electrónicas nas farmacias de Galicia; e unha terceira parte dos profesionais realizan habitualmente procesos de telemedicina.
As TIC tamén facilitan procesos estratéxicos nos ámbitos de xestión económica e de recursos humanos, como poden ser o expediente-e de todos os profesionais ou a nova plataforma loxística do Sergas.
Os cidadáns tamén se benefician dos servizos TIC, mediante sistemas como a cita por internet, a posibilidade de solicitar cita telefónica as 24 horas do día calquera día da semana a través do teléfono único do Sergas ou a posibilidade de acceder ao seu historial clínico a través da web www.sergas.es utilizando o DNI electrónico como garantía de confidencialidade.
É posible así mesmo acceder a servizos en redes sociais (Facebook, Tuenti) onde se realizan campañas de promoción de hábitos de vida saudables e, neste eido, tamén está a funcionar Xente con Vida (www.xenteconvida.es), unha iniciativa que conta cunha páxina web, un blog, e perfís en Facebook e Twitter.
Integración de servizos no CPDI do Gaiás
Desde a súa entrada en funcionamento, en setembro de 2012, estanse a integrar de xeito progresivo nesta plataforma tecnolóxica de altas prestacións as funcións dos 80 CPDs existentes, dos cales o 90 por cento carecen de capacidade de crecemento e están afectados por problemas de refrixeración, de dispoñibilidade e de consumos excesivos de enerxía eléctrica, que dificultan unha xestión eficiente. Este proceso consolidarase nun período de dous anos.
A día de hoxe xa están integrados parte dos servizos da Consellería de Cultura e Ordenación Universitaria así como das Consellerías de Sanidade; Industria e Economía; Traballo e Benestar; e parte dos da Secretaría Xeral de Emigración e da Axencia de Turismo, o que supuxo a eliminación de 14 CPDs. Os próximos traslados previstos corresponden a servizos da Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas e da Escola Galega de Administración Pública. De xeito paulatino o Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) xestionará case 3.000 aplicacións desde os seus 2.000 servidores informáticos.
Aforro
Unha vez consolidado o CPDI acadaranse importantes aforros. A unificación de todos os servizos nunha mesma infraestrutura tecnolóxica permitirá unha redución dun 27% do custo enerxético do gasto anual da factura eléctrica dos CPD actuais. Tamén reducirá un 30% o investimento en hardware e outro 30% no mantemento deste. Todo isto sumado á reorganización dos espazos liberados nos edificios administrativos da Xunta posibilitará un aforro anual de 3 millóns de euros. Así, unha vez consolidada a infraestrutura, amortizarase o seu custo en menos de dous anos.
Capacidade de almacenamento e seguridade
O CPDI custodiará todo o arquivo dixital de Galicia, é dicir, toda a documentación que xera a Administración autonómica: procedementos xudiciais, contidos educativos, expedientes administrativos, DOG dixital, historias clínicas, ou receitas electrónicas. Para xestionar toda esta información e garantir á seguridade e a dispoñibilidade dos servizos o Centro contará cunha capacidade inicial de almacenamento de 1,9 petabytes, o equivalente a máis de 593.000 millóns de páxinas.
O Centro de Proceso de Datos dará servizo a todas as consellerías e organismos dependentes da Xunta de Galicia e a outras entidades públicas como as deputacións provinciais, os concellos e as universidades. En cifras, tradúcese na prestación de servizo a 1.260 centros administrativos, 1.400 centros educativos, 600 centros asistenciais e sanitarios, a 322 entidades xudiciais, 1.500 oficinas de farmacia, e a máis de 90.000 empregados públicos.