A Xunta aposta pola formación en competencias dixitais en ofimática dos empregados públicos galegos
O Plan formativo ofimático de Galicia, levado a cabo pola EGAP e a Amtega, promove a acreditación das competencias profesionais en ofimática
Dende a posta en marcha do Plan no 2011, a Egap programou un total de 14.500 prazas en cursos e probas libres dirixidas aos traballadores públicos
A Xunta aposta pola formación en competencias dixitais en ofimática dos empregados públicos galegos. Deste xeito, a Escola Galega da Administración Pública e a Amtega puxeron en marcha o ‘Plan formativo ofimático de Galicia’, incluído dentro do Plan estratéxico Galicia 2010-2014 e da Axenda Dixital de Galicia 2014.gal.
O Plan formativo está formado por un conxunto de cinco materias cun contido adaptado ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, que buscan promover a avaliación e acreditación das competencias profesionais en ofimática dos traballadores da Administración. O dito sistema fai posible simplificar o proceso de provisión de prazas e mellorar a formación continua dos empregados públicos.
A superación destas cinco materias posibilita a obtención da Certificación galega de competencias dixitais en ofimática, coñecida como Codix. Unha das vías para obter a dita certificación é a través dun título da Egap que acredite a superación das actividades formativas na modalidade de teleformación ou por medio de probas libres.
Os cursos que oferta a Egap son o ‘Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico’; ‘Aplicacións informáticas de tratamento de textos’ ; ‘Aplicacións informáticas de follas de cálculo’ ; ‘Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais e ‘Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información’. Tal e como estipula a normativa, para cada materia do ‘Plan formativo ofimático de Galicia’ existen dúas modalidades: en software propietario e en libre.
Dende a posta en marcha do Plan no ano 2011, a Egap programou un total de 14.500 prazas en cursos e probas libres destinadas para que os empregados públicos poidan obter esta certificación. Ademais, para darlle a oportunidade a un maior número de empregados públicos de alcanzar o Codix, a Egap estableceu o sistema de ‘probas libres’, mediante o cal os alumnos deben superar un exame das citadas materias para acreditar o seu coñecemento.
Esta iniciativa axudou a que as prazas de cursos de materias Tic foran cubertas na súa maioría con alumnos que realmente precisan este tipo de formación, ao quedar liberadas as prazas daqueles que teñen coñecementos e obteñen o recoñecemento formal a través das ‘probas libres’.