A web do Sergas amplíase con novos apartados sobre a Escola Galega de Saúde para Cidadáns e sobre a bioética

Luns 12 de Abril de 2010

A web do Sergas amplíase con novos apartados sobre a Escola Galega de Saúde para Cidadáns e sobre a bioética

Pilar Farjas asegura que o desenvolvemento da Administración electrónica é un elemento fundamental para a modernización do funcionamento do sistema sanitario

A Escola de Cidadáns é unha rede de xestión de coñecemento entre profesionais e pacientes e un lugar de encontro onde verter e compartir experiencias

A través da súa web os cidadáns xa se poden inscribir nas actividades que se realizarán proximamente

O Espazo da Bioética é unha fiestra aberta á pluralidade, á diversidade e á individualidade, dinamizadora dos dereitos sanitarios

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, presentou hoxe os novos apartados que van ampliar a páxina web do Servizo Galego de Saúde (http://www.sergas.es) sobre a Escola Galega de Saúde para Cidadáns e sobre a Bioética.

A Escola configúrase como unha rede de xestión de coñecemento entre profesionais, pacientes, cidadáns, xestores sanitarios e expertos en procesos de saúde e de enfermidade. É, ademais, un lugar de encontro onde verter e compartir experiencias que axuden e guíen ás persoas nos procesos de enfermidade e na promoción da saúde.

A Xunta pretende xerar a través dela unha comunidade de persoas -cidadáns e profesionais sanitarios- que aporten o seu coñecemento para axudar e formar a outros pacientes na mesma situación clínica que eles; que favoreza a participación cidadá na mellora do sistema de saúde; e que facilite a información necesaria para mellorar a súa seguridade.

Por isto, explicou a conselleira, o seu espazo virtual foi creado para que as asociacións de pacientes e cidadáns en xeral dispoñan dun espazo a través do cal poidan obter información para realizar actividades de formación programadas especificamente para eles. Segundo dixo, é un lugar onde poderán aloxar as súas páxinas web, compartir experiencias e obter información axeitada e útil para os procesos de saúde e enfermidade.

Apartados do portal da Escola de Cidadáns

Unha das principais novidades que ofrece este portal é o programa O experto responde, un foro onde, en datas determinadas, especialistas en distintos temas contestarán de xeito on-line e de forma inmediata ás preguntas que se lles envíen dende calquera lugar.

Na actualidade están programados varios encontros: sobre a celiaquía –o primeiro deles, que terá lugar o 31 de maio-, a prevención do cancro de pel, sobre epilepsia e sobre o cancro de mama. As respostas quedarán publicadas na páxina para que poidan ser consultadas polas persoas interesadas.

Outra das novidades que destacou a responsable da carteira sanitaria é que, a través desta páxina, se porá a disposición das asociacións de pacientes un espazo virtual destinado ás mesmas, en especial para aquelas que non teñan páxina web, que porán facer uso deste espazo para deseñar unha e difundila.

A conselleira fixo un percorrido sobre todo o sitio web, explicando os contidos dos seus apartados principais. Así, en Información xeral inclúese información sobre que é a Escola, a que se dedica e onde está situada, cunha presentación das súas actividades e un directorio para localizar a todas as asociacións de pacientes de Galicia.

No eido de Publicacións da Escola poderase acceder a vídeos, folletos, libros electrónicos e todo tipo de documentos que a entidade realice neste sentido. En Actividades docentes os cidadáns poderán consultar as actividades programadas, apuntarse a elas de forma telemática e mesmo propor iniciativas formativas que consideren de interese para o seu colectivo. Neste sentido, Pilar Farjas destacou que os cidadáns xa poden consultar as actividades que a Escola vai realizar proximamente, e que no mes de abril e maio vanse realizar sete talleres para os que xa está aberto o período de inscrición.

Dende o apartado Servizos ao cidadán poderanse consultar páxinas de interese e realizar buscas de asociacións da Comunidade Autónoma a través dun directorio específico; e os usuarios poderán compartir as súas vivencias a través de blogs e do boletín de experiencias. Por último, o apartado conta cun eido de Ligazóns de interese e con outro de participación que servirá para facer chegar suxerencias e opinións a través de mensaxes e enquisas.

Espazo da Bioética

Doutra banda, Pilar Farjas presentou o novo Espazo da Bioética, que definiu como aberto á pluralidade, á diversidade e á individualidade; de referencia para profesionais e pacientes; dinamizador dos dereitos sanitarios; e comprometido cos valores e principios sobre os que se asenta a Bioética e o sistema sanitario público de Galicia.

Así, conta con catro grandes bloques temáticos. O primeiro deles está dedicado á Comisión Galega de Bioética, que asesora e orienta á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde en materia de Bioética e é o órgano de referencia para os Comités de Ética Asistencial, protagonistas do segundo dos apartados.

Estes constitúense para asesorar na resolución de conflitos éticos que poidan xurdir como consecuencia do labor asistencial, cunha participación moi activa nos seus cometidos ao poder ser requiridos polos pacientes, polos profesionais sanitarios e polo propio centro.

O terceiro dos eidos deste espazo web refírese ao Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia -organismo independente para a avaliación e seguimento de todo estudo de investigación clínica- e aos seus procedementos normalizados de traballo, comprendidos na lexislación vixente e nas normativas internacionais que conteñen os postulados éticos aplicables á investigación en seres humanos.

Por último, a nova web é unha fiestra aberta ao Plan Galego de Coidados Paliativos, como referente para facer efectivo o dereito de todos os pacientes á atención integrada no final da vida, proporcionándolle os coidados para atender as súas necesidades “coa universalidade, equidade, integridade, accesibilidade, promoción da autonomía e dignidade da persoa, atención multidisciplinar e satisfacción como valores para acadar o obxectivo de soster a mellor calidade de vida do enfermo e apoiar aos seus achegados”, segundo dixo a conselleira.

En todos estes apartados iranse incorporando aquelas actividades, propostas, documentos de traballo e informacións que se consideren de interese para pacientes e profesionais.

Así mesmo, Pilar Farjas avanzou que está previsto engadir novos espazos sobre a Comisión Galega de Consentimento Informado, sobre o Plan de Formación en Bioética Sanitaria e sobre os plans, programas e procesos integrados que dinamizan, traballan e actúan baixo os principios e valores da Bioética.

Renovación da web do Sergas

Dende o Servizo Galego de Saúde considérase que o desenvolvemento da Administración electrónica é un elemento fundamental para a modernización do funcionamento do sistema sanitario, polo que estas novidades enmárcanse no proceso de renovación e actualización da páxina web do Servizo Galego de Saúde, que se ten iniciado co obxectivo de incluír melloras técnicas no espazo audiovisual e facela máis intuitiva e sinxela de utilizar para os cidadáns.

Neste sentido, cómpre lembrar que a través da web están dispoñibles para a súa realización a través de Internet diversos trámites, relacionados coa tarxeta sanitaria, a solicitude de cita previa, o acceso á historia clínica, a subscrición a noticias e recordatorios de citas, o servizo de suxerencias e foros de participación cidadá, entre outros.

Todas as transaccións efectuadas mediante este procedemento nas que interveñen datos de carácter persoal son feitas coas máximas garantías de seguridade. Así mesmo, tanto a web como os seus contidos dinámicos seguen alcanzando o nivel AA de accesibilidade das pautas WAI.