A Web da Xunta de Galicia recibiu nos tres primeiros meses do ano máis de 2.600.000 visitas
O portal da Administración Autonómica está inmerso nun proceso de renovación para transformalo nunha canle de información más sinxela e interactiva. Os servizos máis utilizados entre o pasado mes de xaneiro e a primeira quincena de marzo foron o Dog e o enlace de contratación de Función Pública.
Pódese acceder xa aos resultados da enquisa Participa! que recolle as opinións dos cidadáns sobre a páxina e as súas valoracións para mellorala.
O 68% dos enquisados afirman usar a web institucional a diario e o 58% por motivos profesionais.
A Xunta de Galicia puxo a disposición dos cidadáns a enquisa Participa! o pasado mes de novembro para coñecer a súa opinión sobre os contidos, o deseño e a accesibilidade da web da Administración Autonómica, que está inmersa nun proceso de renovación que rematará antes do verán. Os resultados desta sondaxe pódense ver xa no enlace Participa! ubicado na portada de www.xunta.es.
A remodelación da web institucional ten como obxectivo converter ao portal na ferramenta de referencia da Administración fronte á cidadanía para transformala nunha canle de información e servizos públicos más sinxela e interactiva. Con esta premisa se está a traballar para reestruturar os contidos existentes, reordenando ás áreas de portada e reorganizando as páxinas interiores. En liña coas medidas para avanzar cara á eAdministración, a web da Xunta incorporará novos servizos para que cidadáns, empresas e colectivos poidan desenvolver a súa relación coa Xunta dun xeito máis fácil e cómodo.
De xeito complementario ao redeseño da páxina, no último ano fíxose un importante esforzo para coordinar todas as web vinculadas á Administración galega baixo uns criterios mínimos comúns. Deste xeito, se está a crear un catálogo de webs e un directorio ao que o cidadán poderá acceder na nova versión do portal e dispoñer máis facilmente de información sobre as diferentes áreas de servizo. Estas páxinas relacionadas coa Administración atenderán a unhas directrices comúns para o seu deseño e xestión que contribúan a simplificar a súa utilización por parte do usuario.
Visitas nos tres primeiros meses
Entre o pasado mes de xaneiro e os primeiros quince días de marzal a web www.xunta.es rexistrou un total de 2.608.804 visitas, 949.309 en xaneiro, 1.086.393 en febreiro e 573.102 durante a primeira quincena de marzo. O perfil maioritario do usuario da web institucional, segundo se recolle nos resultados da enquisa Participa!, é o dunha muller (56%) de entre 31 e 45 (58%) anos con estudos universitarios (70%). A porcentaxe de homes é do 44% e con respecto ás franxas de idade o 25 % teñen entre 45 e 65 anos, o 16% entre 18 e 30 e un 1% é menor de 18 anos. O 68% dos enquisados afirmar acceder ao portal da Xunta a diario e un 20% de forma semanal, o 12% restante divídese a partes iguais entre os que fan un uso mensual e esporádico.
En canto ao uso doutros servizos en Internet, o 93% das persoas que participaron na enquisa sinalaron que empregan a rede a diario, un 1% mensualmente, un 4% semanalmente e o 2% restante navega anual ou esporadicamente. A maioría dos enquisados (42%) afirma estar nun nivel medio de uso de Internet, o 38% considera os seus coñecemento sobre a rede de avanzados, o 18% básicos e un 2% recoñece que está nunha escala inicial de manexo.
En canto aos motivos, o 58% dos participantes indican que utilizan a páxina por razóns profesionais e o 42% restante por motivos persoais. Este uso reflíctese no elevado número de accesos a servizos como o Dog, con preto de un 1.700.000 visitas entre xaneiro e marzo deste ano, seguido das visitas ao enlace de contratación de persoal de Función Pública con preto de 76.000 nos últimos tres meses e o servizo de actualidade-noticias, con case 29.000 accesos no mesmo período de tempo.
O cuarto enlace máis visitado é o da Secretaría Xeral de Política Lingüística con preto de 19.000 entradas, seguida do link da Plataforma de Contratación con 17.600 visitas entre xaneiro e marzo deste ano.
Valoracións
Os enquisados valoraron a situación actual do portal e o seu grao de satisfacción respecto da mesma así como as posibles melloras en aspectos como o visual, a organización dos apartados, a cantidade e calidade dos contidos, as ferramentas dispoñibles, a velocidade de resposta durante a navegación, o nivel de participación dos usuarios, a integración dos servizos de todas as consellerías e a posibilidade de realizar trámites das outras administracións.
En canto ás melloras dos diferentes aspectos da web, unha porcentaxe de entre o 29 e o 35% dos enquisados manifestaron a necesidade de modificar diferentes aspectos da situación actual, fronte a unha porcentaxe de entre o 65 e o 70% que lle concederon entre tres e cinco puntos á imaxe, calidade dos contidos, organización dos apartados, ferramentas dispoñibles, etc. Estes resultados constitúen unha fonte de información relevante para avanzar no proceso de renovación da web da Xunta e transformala nun instrumento de fácil manexo para cidadáns e empresas.