A proposta de flexibilidade horaria e teletraballo da Xunta recibe o respaldo dos sindicatos

Venres 11 de Outubro de 2013

A proposta de flexibilidade horaria e teletraballo da Xunta recibe o respaldo dos sindicatos

Os representantes de UGT, CCOO, CSIF votaron a favor da orde conxunta de Vicepresidencia e Facenda no seo da Comisión de persoal da Xunta

O obxectivo da nova norma é favorecer a conciliación da vida familiar e laboral dos traballadores autonómicos e acadar unha maior eficiencia na xestión pública

A Comisión de persoal da Xunta de Galicia aprobou esta mañá a orde que regulará, por primeira vez en Galicia, o teletraballo e a flexibilidade horaria dos empregados públicos autonómicos. Tras ser sometida a votación, esta orde conxunta da Vicepresidencia e Facenda recibiu tres votos a favor por parte das organizacións sindicais.

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, e o director xeral da Función Pública, Jose María Barreiro, reuníronse esta mañá na EGAP cos representantes dos sindicatos UGT, CCOO, CSI-F e GIG. Os tres primeiros emitiron voto a favor, mentres que o último abstívose da votación.

A orde de flexibilidade e teletraballo obtivo o visto e prace do Consello da Xunta o pasado 3 de outubro e ten por obxecto contribuír á conciliación da vida familiar e laboral dos dos traballadores autonómicos, así como acadar unha maior eficiencia na xestión pública.

O texto establece os distintos tipos de xornadas e horarios laborais, así como a posibilidade de flexibilizalos, adaptándose ás necesidades do traballador. Así, por regra xeral a duración máxima da xornada de traballo é de trinta e sete horas e media semanais; agás nos supostos das xornadas de especial dedicación, que serán de corenta horas semanais; e na tempada de verán -do 16 de xuño ao 15 de setembro-, que se establecerá unha xornada de traballo distinta á ordinaria.

No tocante aos horarios laborais, regúlanse tres tipos: xeral, flexible e especiais. O primeiro deles, o xeral, será de 7.45 a 15.15 horas, de luns a venres; agás no caso do persoal clasificado como de libre designación, que estará sometido á dispoñibilidade horaria.

Horarios flexibles

O horario flexible consiste nun horario de traballo non ríxido que se adapte ás necesidades do empregado público, dentro duns límites previamente acordados pola Administración e salvagardando en todo caso ás necesidades do servizo.

O horario flexible poderá motivarse por razóns de conciliación da vida familiar e laboral -algo xa previsto na Lei para a igualdade de mulleres e homes de 2004- ou ser automático, é dicir, sen necesidade de autorización previa. Nesta segunda opción, se no prazo de 15 días hábiles desde a súa solicitude non recibiu denegación considerase aceptada.

Nos casos de flexibilidade automática, novidosa na Administración galega, o horario constará dunha parte fixa, de 9 a 14.30 horas, e outra flexible, na que o empregado público poderá completar a súa xornada de traballo nun horario comprendido entre as 7.30 e 9 horas de luns a venres e entre as 14.30 e 18.30 horas de luns a xoves, así como entre as 14.30 e as 15.30 os venres.

Este horario de referencia poderá ser posterior cando o centro ou edificio administrativo permaneza aberto e como máximo abranguerá ata as 20 horas, de luns a xoves. Ademais a persoa interesada poderá cubrir a súa xornada de traballo, sempre e cando resulten cumpridas todas as horas de traballo aplicables ao cómputo mensual.

Horarios especiais

Pola súa banda, os horarios especiais estarán acordados atendendo á natureza do servizo prestado e distinguen tres supostos. O primeiro é o relativo aos postos de traballo adscritos a unidades de información e atención cidadá, a fin de posibilitar o cumprimento do horario de funcionamento das mesmas.

O segundo caso son os postos de traballo nos que pola natureza das súas funcións resulte máis axeitado para o seu desenvolvemento desenvolvemento o horario de mañá e tarde, de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.30 horas. O terceiro suposto refírese a unidades que o requiran polas peculiaridades das funcións que teñen asignadas.

Compensación horaria

A orde tamén introduce como novidade a figura da compensación horaria para permitir ao empregado público a posibilidade de recuperar o tempo de traballo efectivo non realizado, xa sexa no seu horario xeral ou flexibilizado.

No primeiro dos casos, disporán diariamente de 30 minutos para compensar os eventuais retrasos na chegada ao seu posto de traballo; mentres que os empregados con horario flexible poderán compensar esas posibles demoras dentro do horario flexible do mes seguinte ao que se produza o incumprimento horario. De non ser así, procederase á dedución proporcional de haberes.

Ata 3 días de teletraballo

Outra das grandes novidades que introduce a orde aprobada é a posibilidade do teletraballo, a través da cal os empregados públicos desenvolverán as súas tarefas fóra das dependencias da Administración autonómica mediante o emprego das novas tecnoloxías, coa finalidade de acadar unha maior eficiencia na xestión pública e contribuíndo á conciliación da vida familiar e laboral. O número máximo de xornadas que poderán efectuarse nesta modalidade serán tres á semana e a concesión, salvo prórroga, non excedera o ano de duración.

Os empregados que se queiran acollerse ao teletraballo deberán estar en situación de servizo activo, contar cunha antigüidade igual ou superior aos dous anos no posto de traballo para o que se solicita; e dispor dos medios técnicos para levalo a cabo: equipo informático básico con acceso á internet, lector de tarxeta e teléfono móbil. Os ditos elementos non serán facilitados, en ningún caso, pola Xunta de Galicia.

Ademais, deberán desempeñar traballos que pola súa natureza e características técnico-funcionais, sexan susceptibles de ser desenvoltos baixo esta modalidade, tales como o estudo e análise de proxectos, a elaboración de informes, asesoría, redacción e tratamento de documentos, inspección, xestión de sistemas de información ou análise e deseño de sistemas de información.