A páxina web do proxecto de educación ambiental Climántica recibe visitas de usuarios procedentes de máis de 50 países
O proxecto da Consellería de Medio Ambiente marcou un récord histórico de consultas xa que recibiu máis de 16.000 visitas de case 11.000 usuarios únicos durante a segunda semana de xuño
Climántica baséase no intercambio en rede de ideas e experiencias, así como na elaboración e difusión de produtos didácticos, tanto en comunidades de profesores coma nas de alumnos
Todas as semanas do mes de xuño rexistraron unha media de 500 visitas/semana dende Arxentina, México e Portugal. Neste país veciño o 60% das visitas son novas igual que en España, xa que o proxecto leva tempo implantado en varios centros
Por primeira vez en España, realizouse un congreso virtual de estudantes sobre os retos de Climántica, aberto a explorar respostas sen límites de fronteiras
A plataforma online do proxecto educativo Climántica recibiu a segunda semana de xuño visitas de usuarios situados en máis de 50 países. En total, o proxecto marcou un récord histórico de consultas xa que rexistrou máis de 16.000 visitas de case 11.000 usuarios únicos nese período.
Climántica é un proxecto que, iniciado hai catro anos, aborda as principais problemáticas ambientais relacionándoas co cambio climático, atravesando as barreiras das diferentes disciplinas implicadas e as dos propios centros educativos, para estender a educación sobre o cambio climático a toda a sociedade. Cun enfoque tranversal a todos os contextos educativos de materia ambiental, Climántica baséase no intercambio en rede de ideas e experiencias, así como na elaboración e difusión de produtos didácticos, tanto en comunidades de profesores coma nas de alumnos.
Durante as últimas 3 semanas a web do proxecto Climántica non baixou das 1.000 visitas diarias; houbo días que se alcanzaron as 3.500 visitas. No último mes, ademais, ten rexistradas 35.000 visitas con 22.500 visitantes únicos e unha porcentaxe de novos visitantes do 60%. Todas as semanas do mes de xuño se rexistraron unha media de 500 visitas/semana dende Arxentina, México e Portugal. Neste país veciño o 60% das visitas son novas igual que en España, xa que o proxecto leva tempo implantado en varios centros. Non obstante, en Arxentina e México estase a rexistrar un 90% de visitas novas.
Hai que destacar a relevancia de que un proxecto educativo siga crecendo despois do seu cuarto ano (o proxecto xa leva aplicándose en centros educativos catro cursos e medio). Algúns dos factores que potencian e constatan o seu desenvolvemento son:
As tres primeiras referencias cando realizas unha busca en Google sobre "educación ambiental, cambio climático", corresponden a Climántica.
Por primeira vez en España, realizouse un congreso virtual de estudantes sobre este reto global e aberto a explorar respostas sen límites de fronteiras nin de niveis educativos.
Climántica forma, en colaboración coa Asociación Española para o Ensino das Ciencias da Terra mediante un curso e-learning recoñecido polo Ministerio de Educación, a profesores de todas as comunidades autónomas.
O recoñecemento da ONU e da organización ambiental para o cambio climático de Al Gore en España.
Climántica é a base do paquete de Educación sobre o cambio climático dentro do proxecto europeo Feder-Interreg Climatlantic onde están como socios gobernos rexionais do Arco Atlántico de Inglaterra, Irlanda, Francia e Portugal.
Estar implantados en máis de 300 centros de Galicia e ter formado aquí máis de 1.000 profesores e implicar como alumnos- autores de traballos de sensibilización e alumnos-formadores sobre cambio climático a uns 10.000 estudantes.
A posibilidade de uso de diversos soportes dentro do proxecto: descarga de varios libros didácticos e científicos, uso dun vídeo-xogo, actividades interactivas, ou blogs en máis de cen centros.
Contra o cambio climático
A actual Xunta considera prioritario afrontar nesta lexislatura unha estratexia rigorosa, eficaz e realista en materia de loita contra o cambio climático. Esta estratexia materializouse co Programa Marco de Acción contra o Cambio Climático 2010-2020. Na súa primeira parte, estase a traballar nun horizonte temporal inmediato, cara ao 2012, e comprende unha serie de medidas concretas a desenvolver no marco do cumprimento dos compromisos derivados do Protocolo de Kioto. Nunha segunda etapa, abordaranse varios proxectos estratéxicos para o período 2013-2020, planificados polo Cumio de Copenhage. Así, incluiranse proxectos estratéxicos que colaborarán con España e coa Unión Europea na redución de gases de efecto invernadoiro para acadar os obxectivos globais que se establezan para o ano 2020. Toda a documentación das unidades xunto coa información xeral, está accesible no espazo web www.climantica.org, onde se sitúa a plataforma de traballo para os docentes.