A partir da semana que vén o rexistro de convenios da Xunta posibilitará obter copias e certificados de xeito telemático

Domingo 17 de Xuño de 2012

A partir da semana que vén o rexistro de convenios da Xunta posibilitará obter copias e certificados de xeito telemático

O Goberno pon en marcha una nova funcionalidade web para que calquera cidadán con certificado dixital pida estes documentos sen necesidade de desprazarse

Este novo sistema enmarcase dentro da aposta da Xunta por axilizar e modernizar todos os procedementos administrativos, na busca dunha relación máis fluída e transparente entre a Administración e a cidadanía

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza porá en marcha a partir da semana que vén unha nova funcionalidade do Rexistro de convenios, que permitirá a calquera persoa que dispoña de certificado dixital solicitar telematicamente unha copia dun convenio ou certificación do asento do mesmo.

Este novo sistema, para a cal se contou co apoio técnico da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, enmarcase dentro da aposta da Xunta de Galicia por axilizar e modernizar todos os procedementos administrativos, na busca dunha relación máis fluída e transparente entre a Administración autonómica e a cidadanía.

Ata agora, as certificacións sobre datos e as copias simples de convenios xa se podían tramitar, pero de xeito tradicional, mediante a presentación dunha instancia nun rexistro administrativo e a oportuna contestación á consulta mediante oficio, aportando a documentación solicitada. Ademais, na páxina web da Consellería de Presidencia só se podía acceder aos datos básicos dos convenios e a listados simples.

Solicitude telemática sen desprazamentos
A partir de agora, calquera cidadán que dispoña de certificado da Fábrica Nacional de Moneda e Timbre terá a posibilidade de solicitar telematicamente unha copia do texto completo dun convenio o un certificado da existencia do dito convenio, a través da páxina web da Consellería, onde se ubica o buscador de convenios (http://www.xunta.es/consulta-convenios). Deste xeito, evitáselle aos interesados os desprazamentos e que teña que personarse nun rexistro dunha administración pública e efectuar a solicitude en papel.

Co novo sistema, bastará con seleccionar o convenio en cuestión no buscador de convenios, acceder á ficha do mesmo e pulsar sobre a ligazón correspondente “certificado” ou “copia”. De xeito automático se lle solicita ao cidadán a súa identificación contida no seu certificado dixital, a motivación da súa solicitude e un enderezo de correo electrónico no que recibirá a documentación solicitada.

A solicitude levará parella unha entrada electrónica no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, de xeito que a petición ten un tratamento análogo ao dunha presentación presencial en papel. O Rexistro de Convenios estudará a solicitude e validará, se procede, o envío da documentación ao solicitante.

A remisión da documentación aos administrados ten lugar a través do rexistro telemático de saída e mediante correo electrónico, ao enderezo que previamente consignaron ao facer a solicitude, xunto cos seus datos persoais contidos no seu certificado dixital. En ámbalas dúas opcións o solicitante recibirá un oficio de remisión e un certificado ou copia simple do convenio, segundo a opción exercida na súa solicitude.

Código de Validación Electrónica
Doutra banda, tamén está en marcha a posibilidade de que os cidadáns poidan comprobar a autenticidade do código Código de Validación Electrónica (CVE) que aparece no documento asinado electronicamente polo Rexistro de convenios. Poden facelo na páxina web: www.xunta.es/cve.

O Rexistro de convenios da Xunta de Galicia é competencia da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, concretamente da súa Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias. A día de hoxe dispón de 29.599 convenios rexistrados desde a súa posta en marcha no ano 2002.