A implantación da plataforma tecnolóxica para empresas de transporte público de viaxeiros abre a porta aos servizos por demanda e á mellora da intermodalidade

Sábado 01 de Febreiro de 2014

A implantación da plataforma tecnolóxica para empresas de transporte público de viaxeiros abre a porta aos servizos por demanda e á mellora da intermodalidade

A Xunta lidera o desenvolvemento dun sistema tecnolóxico dirixido a empresas concesionarias de transporte, que suporá que preto de 1.000 vehículos enviarán e recibirán información de xeito simultáneo, un feito sen precedentes na Comunidade

Con esta iniciativa, que se licitará por 1,8 millóns de euros, a Administración facilita a innovación tecnolóxica do sector e ofrece unhas condicións máis vantaxosas ás empresas que se sumen ao proxecto

O Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade é unha ferramenta que permitirá unha mellor xestión da flota e unha eficiente atención aos viaxeiros

A incorporación deste sistema é unha das obrigas establecidas no Plan de Modernización das concesión de transporte público para toda a flota de transporte regular de persoas

O Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade (SAE), unha plataforma tecnolóxica para as empresas de transporte público de viaxeiros, abre a porta á implantación dos servizos por demanda dos usuarios ao tempo que fomenta a intermodalidade, ao posibilitar a integración de distintos servizos de transporte.

Trátase dun proxecto liderado pola Xunta de Galicia, que estará operativo no verán de 2015, polo que se permitirá ás empresas contratistas dos servizos públicos de transporte dispoñer deste servizo sen necesidade de dotarse dun SAE local propio.

Así llo trasladaron aos representantes das empresas concesionarias o conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, Agustín Hernández, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, nunha xuntanza de traballo celebrada esta mañá en Santiago.

O Sistema de Axuda a Explotación é unha ferramenta de xestión que permitirá ás empresas concesionarias a localización e posicionamento en tempo real dos vehículos, unha mellor regulación do servizo ao controlar o desfase do vehículo respecto da posición ou ruta prevista e proporcionará información sobre o número de usuarios e o pago do servizo.

Ademais dunha mellora tecnolóxica para o sector, a incorporación deste sistema é unha das obrigas establecidas no Plan de Modernización das concesión de transporte público para toda a flota de transporte regular de persoa, que dá servizo anualmente a 25 millóns de usuarios, a través de máis de 1.000 autobuses.

Hernández manifestou que o Goberno galego é consciente da transcendencia do sector do transporte de viaxeiros por estrada e da obriga de garantir, non só a súa supervivencia, senón a súa rendibilidade futura. Así se recolle na Lei de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público por estrada de Galicia, que ten como un dos seus principais obxectivos acadar que este sector sexa competitivo nos vindeiros anos.

Tal e como explicou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, con esta iniciativa a Xunta ofrece aos empresarios do sector á posibilidade de integrarse nun proxecto que lles evitará asumir a complexidade tecnolóxica da iniciativa, permitirá obter aquela solución que mellor se adapte técnica e funcionalmente ás súas necesidades nunhas mellores condicións económicas grazas o uso de economías de escala. O custe por vehículo para a dotación do equipamento tecnolóxico e a súa conexión permanente co Centro Operativo da Mobilidade de Galicia será duns 70 euros ao mes para as empresas que se adhiran ao proxecto da Xunta.

A directora da Amtega sinalou que o proxecto presentado hoxe aos empresarios do transporte supón unha oportunidade de innovación tecnolóxica para un sector tradicional, que permitirá avanzar cara un sistema de transporte público de viaxeiros por estrada máis limpo, seguro e eficiente a través da mellora na xestión e control da flota grazas á tecnoloxía.

A data prevista de entrada en funcionamento do SAE da Xunta é xullo de 2015. O SAE da Mobilidade de Galicia licitarase por un importe de 1,8 millóns de euros e suporá un investimento conxunto da Administración e as empresas do transporte de viaxeiros por estrada de 5 millóns de euros ata o 2019.

As vantaxes do SAE para o transporte
Esta ferramenta de xestión, que permitirá ás empresas concesionarias a localización e posicionamento, trasladará información en tempo real ao Centro Operativo da Mobilidade de Galicia. Ademais, o sistema posibilitará a comunicación bi-direccional entre o bus e o centro de control, unha mellor vixilancia e seguimento dos vehículos, o control da calidade na condución, así como a xestión de incidencias e optimización da explotación do servizo, xa que as empresas poderán planificar en base a información recollida sobre quilómetros percorridos, o desfase da ruta e do tempo establecido, o número de viaxeiros, os parámetros de funcionamento dos vehículos, ...

Asemade, Mar Pereira recalcou a importancia de desenvolver esta iniciativa nun marco de colaboración entre a Administración e o sector do transporte de feito que lles reporte o maior número de vantaxes e minimice as posibles dificultades.

Vantaxes para os cidadáns
A implantación do Sistema de Axuda á Explotación permitirá que calquera cidadán poida acceder a través de ferramentas web, e dispositivos móbiles, a información en tempo real sobre o horario no que os autobuses pasarán pola súa parada, eliminando a incerteza da espera.

Igualmente, ao facilitar un control automatizado do cumprimento da oferta de servizos, mellorará sensiblemente a fiabilidade dos propios servizos e, por tanto, a súa calidade.

Ademais, o cidadán poderá planificar as súas viaxes en transporte público previamente ou, incluso, sobre a marcha, dispoñendo de ferramentas para a busca das mellores combinacións de viaxe.

Fases de proxecto 
Tras a súa aprobación no último Consello da Xunta, nos vindeiros días publicarase no DOG a resolución coas especificacións funcionais para a implantación de Sistemas de Axuda á Explotación (SAE), que inclúe os formularios para adherirse ao proxecto da Xunta ou para implantar un SAE propio. Desde a súa publicación as empresas concesionarias terán un prazo de 15 días para trasladar a súa decisión a Administración.

A partir desa data abrirase o proceso de licitación do proxecto e a posterior adxudicación. O proxecto de implantación do SAE da Xunta prevé que as empresas que se adhiran poidan concorrer a unha contratación global xunto coa Xunta de Galicia, co que se garantiría tanto unha mellora no produto ofertado como no seu prezo para todos os participantes, sendo a primeira ocasión na que a Xunta de Galicia utiliza este procedemento de contratación.

Finalmente, Mar Pereira indicou que este proxecto é un exemplo das medidas que se están a impulsar desde a Amtega en colaboración co resto dos departamentos para impulsar a modernización dos principais sectores produtivos e estratéxicos da Comunidade grazas a tecnoloxía e coa colaboración do sector TIC.

Ambos representantes da Xunta invitaron aos empresarios e asistentes a esta xornada a aproveitar as oportunidades que brinda o presente para saír reforzados de cara o futuro.