A Consellería de Cultura e Educación organiza unha xornada técnica sobre administración electrónica e arquivos

Luns 17 de Xuño de 2013

A Consellería de Cultura e Educación organiza unha xornada técnica sobre administración electrónica e arquivos

O obxectivo da iniciativa é informar sobre o novo modelo de xestión os arquiveiros e os técnicos que participan na súa implantación en Galicia

A apertura da xornada correu a cargo do secretario xeral de Cultura, que presentou ‘A guía dos arquivos da Xunta de Galicia’

A implantación da administración electrónica, os novos procedementos da xestión documental e o papel dos servizos de arquivo neste proceso de reforma e modernización son os temas centrais da xornada técnica que organiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria hoxe na Cidade da Cultura de Galicia.

‘Administración electrónica e arquivos’ é o título da iniciativa, que foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou que a implantación progresiva das tecnoloxías e da comunicación constitúe “un reto e unha grande oportunidade” para as administracións públicas. Na apertura da xornada tamén participou a subdirectora xeral de Arquivos da Xunta de Galicia, Marina García Pita.

A xestión documental na administración electrónica
Á par deste proceso de modernización e reforma, “tórnase imprescindible aplicar políticas adecuadas de xestión documental, que inciden directamente nos servizos de arquivo”. “Por iso –dixo Anxo Lorenzo– o obxectivo desta xornada é tratar o papel dos arquiveiros e arquiveiras neste contorno da administración electrónica, os modelos de xestión de documentos e repositorios electrónicos e as novas funcións e retos dos arquivos neste proceso de modernización”.

Difusión do patrimonio documental
Segundo afirmou, “o interese dos arquivos na e-administración é evidente, como tamén o é a necesidade de desenvolver accións globais de difusión que lles outorguen maior visibilidade aos arquivos galegos e ao patrimonio documental”. Con este fin, formulado no Plan de arquivos de Galicia 2012-2016, a Consellería de Cultura e Educación publicou recentemente ‘A guía dos arquivos da Xunta de Galicia’, unha obra que dá conta da enorme riqueza do patrimonio documental que se custodia nos arquivos adscritos á Xunta de Galicia e que pon de manifesto “a utilidade e os beneficios que se derivan para a administración de Galicia de manter uns arquivos administrativos cun servizo e cunha organización eficientes e axeitados”.

A xornada técnica aborda o desenvolvemento do plan de modernización da Administración autonómica galega, liderado pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a través do relatorio da directora da Área de Modernización das Administración Públicas da Amtega, María José García Sexto. O papel da administración do Estado na administración electrónica, centrado en favorecer o intercambio de información entre as administración públicas e a cidadanía, é outro dos temas que conforman a xornada, sobre o que falará Miguel Ángel Amutio, responsable da área de planificación e explotación para o impulso da administración electrónica do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas.

Para interrelacionar o papel dos arquiveiros no contorno da administración electrónica a xornada técnica contará coa intervención de Raimon Nualart, responsable da xestión documental do arquivo da Axencia Catalá de Certificación (CATCert) e de iArxiu, servizo de custodia e preservación de documentos electrónicos a longo prazo. Finalmente, a xefa do servizo do Arquivo de Galicia, María del Mar García Miraz, presentará o plan de identificación e avaliación documental deste arquivo, centro de referencia do Sistema de Arquivos de Galicia.