A Consellería de Cultura e Educación fomenta a formación dos docentes en novas tecnoloxías, coa organización da I Xornada de coordinadores do proxecto Abalar
Máis de 300 profesores reúnense hoxe no Pazo de Congresos de Santiago para abordar os retos que as TIC plantexan no eido educativo
O Abalar supón unha aposta da Consellería pola mellora do ensino a través da introdución das TIC, impulsando a igualdade de oportunidades dos escolares no acceso a estas tecnoloxías
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve dar un impulso á formación dos docentes galegos no uso e posibilidades didácticas das novas tecnoloxías da información e comunicación a través da I Xornada de Coordinadores e Coordinadores do proxecto Abalar. Este encontro, organizado polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) reúne hoxe no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela a máis de 300 profesoras e profesores. O obxectivo é avanzar nas posibilidades deste proxecto, unha aposta da Consellería pola mellora do ensino a través da introdución das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), conforme aos novos tempos. o Abalar contribúe, ademais, a impulsar a igualdade de oportunidades dos escolares no acceso a estas tecnoloxías, con especial atención á introdución das mesmas nas zonas rurais.
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, inaugurou esta xornada salientando que o Proxecto Abalar - impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)- procura “a integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia para acadar unha resposta integral e de futuro aos retos que presenta a educación do noso alumnado na sociedade dixital do século XXI, coordinando e impulsando un cambio de modelo educativo en Galicia apoiado na formación do profesorado e na modernización do ensino”.
A este respecto recordou que o proxecto busca “mellorar as competencias da comunidade educativa a través dunha estratexia global e integradora que contempla a modernización do ensino, a formación do profesorado, a dotación de equipamento nos centros educativos e o desenvolvemento e utilización de contidos e recursos dixitais”. Para iso, a Consellería está a dotar ao profesorado de contidos e recursos educativos dixitais, “facilitando o desenvolvemento de novos modelos pedagóxicos e a incorporación dos últimos avances tecnolóxicos na educación”, dixo. A través de xornadas como a celebrada hoxe, “queremos –engadiu- aproveitar as mellores prácticas desenvolvidas nos centros, pondo en valor todo o traballo e coñecemento do profesorado galego, fomentando o espírito colaborativo e participativo dos docentes”.
O encontro forma parte do Plan Anual de Formación do Profesorado co que a Consellería favorece a actualización continua dos coñecementos e competencias dos docentes, buscando a máxima calidade do ensino en Galicia. Neste sentido o director xeral agradeceu aos asistentes “o esforzo, o interese e o compromiso que amosan tanto co seu traballo diario como coa súa implicación na formación e actualización constante”.
O Abalar en cifras
O Proxecto Abalar, que se puxo en marcha en 2010, beneficia xa a máis de 44.000 alumnas e alumnos de 533 centros escolares, o que significa que xa está implantado no 50% dos centros educativos galegos con educación primaria e secundaria obrigatoria. Estas alumnas e alumnos desenvolven a súa formación en aulas completamente dixitais, nas que empregan dispositivos tecnolóxicos na aprendizaxe.
Ademais, 15.000 alumnas e alumnos doutros 643 centros contan con kits de aula dixital que permiten a introdución e aproveitamento da tecnoloxía nos procesos de aprendizaxe.
Relatorios e obradoiros de experiencias
A xornada estrutúrase en relatorios e obradoiros de experiencias. Tras a inauguración, o programa da mañá continuou coa conferencia de Daniel Seseña arredor do uso das redes sociais e as posibilidades de internet no xornalismo, especialmente no caso da canle 24 horas de Televisión Española. O propio proxecto Abalar será o protagonista da ponencia do subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila, e mais do director de Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Carlos Vázquez; así como da posterior conferencia de Pablo Nimo, quen abordou a infraestrutura técnica e o uso do software libre nesta iniciativa. A mañá pecharase cunha mesa redonda sobre o presente e o futuro das ferramentas de autor e contidos dixitais.
O programa da tarde comezará coa celebración de tres sesións con tres obradoiros de experiencias cada unha. Nelas, Feliciano José Couro, do colexio de educación especial Nosa Señora de Lourdes, afondará nas posibilidades das TIC para o alumnado con necesidades especiais de atención educativa; e Agapito Muñiz, do IES Sabón , abordará o uso do código QR. Pola súa parte, Elena Esperanza, do IES Poeta Díaz Castro, impartirá un taller de radio, mentres que José Manuel Durán e Luz María Beloso, do IES As Barxas, darán conta da súa experiencia no eido das TIC, que os levou a obter o premio de mellor iniciativa 2012 outorgado polo Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del Profesorado (INTEF).
Xa arredor do programa Abalar, Ramón Noche, do IES Xograr Afonso Gómez, presentará a súa experiencia de traballo coas novas tecnoloxías no eido das ciencias sociais; mentres que Eduardo Rafael Rodríguez e Juan José Varela, co CEIP Raquel Camacho, exporán a súa experiencia co Edmodo como ferramenta de integración das TIC na aula Abalar. Pola súa parte, Mª Jesús Casado, do IES Francisco Daviña Rey, tratou o valor engadido do libro de texto dixital, ao tempo que Luís Gómez, do CPI dos Dices, analizou as posibilidades dos vídeos educativos. Ademais, os asesores Abalar Alejandro González, Juan Menéndez, José Antonio Vicente e Manuel Ángel García debullaron nun obradoiro e nun relatorio os pormenores da rede social do profesorado Redeiras e mais do espazoAbalar, a plataforma web do proxecto.
A xornada rematou coa conferencia do xefe de servizo do Centro Nacional de Desenvolvemento Curricular en Sistemas non Propietarios (CeDeC), Miguel Ángel Pereira, tras a que se celebrou o acto de clausura.