A concentración de servizos da Xunta de Galicia no Gaiás aforrara en alugueres, enerxía, mantemento e limpeza
O traslado ao Gaiás da Axencia Galega de Modernización (Amtega), da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e da Fundación Cidade da Cultura permitirá acceder a tarifas de enerxía máis favorables e reducir o custo por hora dos contratos de mantemento
A concentración nun mesmo recinto permitirá reducir o custe por hora dos servizos contratados, co que se aforrará ata un 25% no contrato de mantemento e un 13% no de limpeza
A concentración de servizos e organismos da Xunta na Cidade da Cultura xa está a dar os seus froitos, ao permitir acceder a tarifas de enerxía máis baixas e a contratos de limpeza e mantemento en condicións economicamente máis vantaxosas. Grazas a este tipo de decisións, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puido avanzar no programa de aforro e optimización de recursos do Gaiás.
O traslado ao complexo do Gaiás da Axencia Galega de Modernización (Amtega), da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), así como de servizos da Fundación Cidade da Cultura aínda situados no Hospital de San Roque (Santiago de Compostela), permitirá acceder a tarifas de enerxía máis baixas, xa que a contratación dunha maior potencia mellora os prezos. A mellora estímase que rondará un dous por cento.
Ademais, a consolidación dos espazos da Cidade da Cultura –con catro edificios postos en marcha e con usos definidos- fai posible por vez primeira unha xestión plurianual destes servizos o que repercute nun abaratamento dos custos: a maior volume de traballo contratado as tarifas son máis baixas. Ata o de agora, a duración destes contratos era dun ano e, a partir de agora, será de dous con posibilidade de prórroga a outros dous.
Mantemento e limpeza máis baratos
O incremento de volume de traballo tamén permitirá a redución do custo por hora nos contratos de limpeza e mantemento. Esta baixa estímase que chegará ata un 25 por cento no contrato de mantemento, e de ata un 13 por cento no de limpeza. As estimacións realízanse a partir das revisións de tarifas por hora que se fixeron para ampliar os contratos despois do traslado de Amtega e de Agadic.
Neste orde de cousas e co fin de avanzar nunha xestión transparente dos recursos, a Fundación da Cidade da Cultura vén de facer público, a través dun anuncio comunicado ao Diario Oficial da Unión Europea, a estimación máxima do custo de electricidade, gas, limpeza e mantemento para os próximos catro anos. Esta información facilitará o traballo ás empresas interesadas en presentarse aos concursos ao dispor dun período máis longo de tempo para preparar as súas ofertas.
Para os próximos catro anos, a previsión do custo anual do servizo de limpeza é de 554.789 euros (IVE incluído); o de mantemento, de 919.600 euros; o de gas natural, de 302.529 e o de enerxía eléctrica de 1.634.401 euros. As cifras non reflicten o custo dos servizos, senón que se trata de estimacións máximas. Segundo os concurso de anos anteriores, estas cifras –que son importes máximos- poderán ser rebaixadas ata nun 20 por cento nos concursos de licitación e, en calquera caso supoñen un considerable aforro, grazas á aludida concentración de servizos e de organismos oficiais. A estimación levouse a cabo tendo en conta tamén as subas nas tarifas enerxéticas, o incremento do IVE e o aumento da superficie aberta ao público no Gaiás.
Para o cálculo destas previsións incluíuse e sumouse o consumo enerxético, e as necesidades de mantemento e limpeza dos novos servizos situados no Gaiás: AGADIC e da Axencia Galega de Modernización, coas instalación do Centro de Proceso Integral de Datos (CPDI). Nos dous casos non se trata de gastos novos, senón de gastos xa existentes asumidos agora nos contratos da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Nese sentido, cómpre destacar a porcentaxe que representa o Centro de Proceso Integral de Datos (CPDI) da Xunta no consumo de enerxía do total do complexo, xa que acada un 45%. A razón é que estas instalacións, que concentran os 80 CPDIs que ata agora estaban distribuídos en diferentes instalacións, prestan servizo durante 24 horas o día e 365 días ao ano a 1.260 centros administrativos, 1.400 centros educativos, 600 centros sanitarios,322 entidades xudiciais, 1.500 oficinas de farmacia e 91.190 empregados públicos. Deste xeito, a concentración no Gaiás de todas estas instalacións que conforman o corazón dixital de Galicia permitirá aforrar tres millóns de euros ao ano.
As previsións realízanse tendo en conta ademais que na Cidade da Cultura están a traballar a diario máis de duascentas persoas, que son traballadores da Fundación Cidade da Cultura, da Axencia Galega de Modernización, da Axencia Galega de Industrias Culturais e persoal da Secretaría Xeral de Cultura, da Biblioteca de Galicia e do Arquivo de Galicia. A estes organismos sumarase proximamente o espazo de coworking “Emprende Cultura Gaiás”.
Plan de aforro no Gaiás
Con estas medidas avánzase nun programa de control de gasto e xestión eficiente dos recursos da Cidade da Cultura para facer do complexo unha infraestrutura sostible. Con este mesmo obxectivo acordouse a suspensión das obras nos dous edificios pendentes: o Centro da Música e das Artes Escénicas e o Centro de Arte Internacional, suspensión que supuxo para o Goberno galego un aforro de 77 millóns de euros.