Memoria de actividades 2021
Coa finalidade de dar cumprimento ao artigo 10 dos Estatutos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, elabórase a Memoria de Actividades 2021 na que, tras unha breve sinopse da natureza e funcións desta axencia pública autonómica, se exporá a actividade desenvolvida durante o anterior exercicio e os principais logros acadados, así como o grao de cumprimento tanto do plan de acción 2021 como do contrato plurianual de xestión.
Tras o traballo realizado baixo o paraugas das dúas anteriores axendas dixitais o ano 2021 supuxo o comezo da andadura da Estratexia Galicia Dixital 2030, que se constitúe como a folla de ruta a seguir para a consecución dos obxectivos de desenvolvemento rexional en materia de dixitalización. A nova estratexia persigue ademais a coordinación e complementariedade de todas as actuacións que en materia de dixitalización sexan impulsadas desde as distintas administracións do territorio. A estratexia deseñouse para ser un documento do que formen parte todos os axentes do ecosistema dixital galego (cidadanía, empresas e administracións) perseguindo contribuír así a mellora na calidade de vida no territorio e ao seu desenvolvemento sostible atendendo ás tres vertentes: económica, social e ambiental. 2021 tamén foi o ano da aprobación da Estratexia galega de Intelixencia Artificial e o Decreto Galego de Competencias Dixitais.
Avanzouse na consolidación duns servizos públicos dixitais: no contexto de crise sanitaria derivada da evolución epidemiolóxica do COVID-19, a actuación da Amtega permitiu dar continuidade ao funcionamento da administración pública e a prestación de servizos básicos á cidadanía, 17 salas de vistas xudiciais acadándose 77 salas con tecnoloxía dixital, estendeuse o sistema corporativo de xestión de centros de benestar, incorporando a rede de centros de maiores do Consorcio galego de servizos de igualdade e benestar e a educación integramente dixital é unha realidade para máis de 55.000 alumnos de 546 centros educativos. No ámbito dos sectores primarios dixitalizáronse 35 lonxas e continuouse co proceso de ampliación da rede de vixilancia dos espazos forestais de Galicia.
A continuación pode acceder ao documento íntegro da Memoria de actividades 2021: