Unha de cada catro empresas galegas empregou as redes sociais en 2013 para promocionar a súa imaxe e os seus produtos

Domingo 19 de Xaneiro de 2014

Unha de cada catro empresas galegas empregou as redes sociais en 2013 para promocionar a súa imaxe e os seus produtos

O sector servizos é o que máis emprega esta canle de comunicación cos seus clientes

O 16,3% das empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia venderon a través de Internet, 2 puntos por riba da media estatal

Crece a contratación da banda larga móbil que chega ao 52% nas microempresas e ao 70% das que teñen máis de 10 empregados

O 13% das microempresas e o 48% das grandes empresas facilitaron dispositivos portátiles aos seus empregados

As microempresas galegas avantaxan ás do conxunto do Estado no uso da eAdministración e converxen coa media estatal en dispoñibilidade de ordenador, Internet e web

Arredor de 1 de cada 4 empresas galegas utilizou as redes sociais en 2013. Un 25,6% das empresas galegas de 10 e máis empregados e o 26,4% das microempresas empregaron algunha rede social (Facebook, Linkedin, Google+,etc) durante o pasado ano para actividades de marketing e a publicidade da propia empresa ou dos seus servizos e produtos. Estas porcentaxes son moi similares ás do conxunto do Estado, cunha diferenza de 3,5 puntos nas empresas de maior tamaño e practicamente co mesmo valor nas microempresas.

As empresas do sector servizos son as que máis recorren ás redes sociais, especialmente ás dedicadas a actividades de aloxamento. Un 29,4% das microempresas deste sector emprega as redes sociais e, entre as empresas de 10 ou máis traballadores, a porcentaxe elévase a un 35,8%. Neste segmento empresarial, destacan especialmente as adicadas a actividades de aloxamento (70,3%).

As empresas menos activas nas son as do sector da Construción cuxa presenza nestes medios sitúase por baixo do 14%. Por provincias, A Coruña e Pontevedra rexistraron un maior uso redes sociais nas microempresas que nas empresas grandes, poñendo de manifesto a súa importancia para o pequeno empresariado.

Son datos recollidos no “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nas empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2013 publicado polo o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Incremento na contratación da banda larga móbil e dos dispositivos portátile 
O estudo destaca tamén o incremento na contratación de banda larga móbil nas microempresas, que  medrou un 34,4% no último ano. O 52% empresas de menos de 10 empregados  teñen acceso a Internet a través de banda larga móbil. Esa porcentaxe ascende ao 70,4% nas empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia. 

Por sectores, as empresas da construción destacan no uso da banda larga móbil mentres que as empresas adicadas á Industria sobresaen na dispoñibilidade de páxina web. A nivel provincial, Ourense destaca como a provincia con maior acceso á banda larga móbil e Lugo rexistra os valores máis baixos. 

Os dispositivos portátiles de conexión móbil a Internet (tabletas, notebooks, netbooks, laptops, smartphones...) comezan a converterse nunha ferramenta máis na actividade laboral, facilitando a mobilidade de empresarios e traballadores. Un 13,1% das microempresas galegas con conexión a Internet proporcionaron estes dispositivos aos seus empregados. Entre as empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia, a porcentaxe elévase a un 48,6%. 

A práctica totalidade de empresas de 10 ou máis traballadores ten contratado Internet, superando lixeiramente a media estatal. No caso das microempresas, produciuse un incremento do 12,3% respecto de 2012, fronte ao 0,8% da media estatal. Isto traduciuse nunha diminución da fenda dixital de 6,6 puntos, situando a porcentaxe de contratación de Internet das microempresas galegas no 64,9%. 

eFactura e Cloud Computin 
O estudo sinala que as empresas galegas están a acadar un maior grao de tecnificación, incorporando progresivamente novas ferramentas TIC á súa xestión empresarial. 

O Cloud Computing comeza a empregarse, fundamentalmente, para o almacenamento e as copias de seguridade (backup). O 19,2% das empresas de 10 e máis traballadores con conexión a Internet que desenvolven actividade en Galicia utilizan solucións Cloud Computing, valor que se sitúa próximo á media estatal (19,8%). Nas microempresas, o uso da computación na nube descende ao 9,7%.

A factura electrónica presenta un ritmo de implantación semellante á media estatal. Un 26,6% das empresas de 10 e máis traballadores con sede en Galicia recibiu facturas electrónicas e un 7,8% emitiunas, superando en ambos os dous casos a media estatal en 0,5 puntos. Non obstante, entre as microempresas, tanto estatais como galegas, a súa implantación é aínda pouco significativa.

Crecemento do comercio electrónico nas grandes empresas
Por primeira vez, publícanse datos relativos ao comercio electrónico na Comunidade Galega extraídos a partir da enquisa do INE. O 16,3% de empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia empregaron a Rede para realizar ventas, superando en case 2 puntos porcentuais a media estatal. 

Se só se computan as empresas que teñen a súa sede en Galicia, a porcentaxe de empresas de 10 ou máis traballadores que venden a través do Comercio electrónico é do 12,8%. Este segmento empresarial reduciu nun ano a fenda coa media estatal en 3,2 puntos porcentuais.

As microempresas superan a media estatal no uso da eAdministración
A e-administración está a ser un elemento impulsor na implantación e uso das TIC nas empresas e as microempresas galegas avantaxan ás do conxunto do Estado en canto á interacción coas Administracións Públicas a través de Internet no último ano, concretamente, sitúanse 1,4 puntos porcentuais por riba da media estatal.

O estudo destaca tamén a converxencia das microempresas galegas nos indicadores básicos de medición das tecnoloxías grazas ao significativo salto que experimentaron na dispoñibilidade de ordenador ou páxina web.

Un 71,2% das microempresas galegas dispón de ordenador, cun crecemento do 13,6% no último ano, moi superior ao crecemento estatal (0,4%), que permitiu reducir a fenda de 8,5 puntos a 0,4 puntos e acadar a converxencia coa media estatal.

A dispoñibilidade de web nas microempresas galegas é do 28,1%, cun incremento do 15,2% no último ano. Isto tradúcese nunha diminución da fenda en 3 puntos e sitúa as microempresas galegas a só 1,2 puntos da media estatal (29,3%).

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org