Galicia coordina as celebracións do Día de Internet en España, adicado á inclusión e capacitación dixital das persoas maiores

Xoves 17 de Marzo de 2022

Galicia coordina as celebracións do Día de Internet en España, adicado á inclusión e capacitación dixital das persoas maiores

• A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia interveu hoxe na lectura dun manifesto en representación da Asociación Somos digital, da que forma parte.
• O documento, presentado no Ateneo de Madrid, expón un decálogo de medidas destinadas a impulsar a inclusión e capacitación dixital das persoas maiores.
• A lectura abre a programación da Asociación estatal Somos digital para celebrar o Día de Internet, coordinada este ano pola Rede CeMIT de Galicia, que focaliza unha das súas actividades no Camiño de Santiago.


A  rede CeMIT de Galicia, promovida pola Xunta en colaboración cos concellos da Comunidade, coordinará este ano a programación coa que a asociación “Somos digital” conmemora o Día de Internet en España que se celebra o 17 de maio. Este ano, a celebración centrarase na inclusión e capacitación das persoas maiores no uso das tecnoloxías.

No marco das actividades previas á celebración do Día de Internet, o Ateneo de Madrid acolleu hoxe a lectura do Manifiesto para facilitar el acceso y el uso de las tecnologías digitales a las personas mayores. Trátase dun decálogo que demanda a articulación de medidas para garantir a plena inclusión das persoas maiores na sociedade dixital. Á súa presentación pública, que tivo lugar durante a celebración do XVI Congreso de Editores Clabe, asistiu, en representación da Asociación Somos dixital, Miguel Rodríguez Quelle, director da área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Rodríguez Quelle leu a medida 4 do decálogo consensuado entre todos os membros do Comité de Impulso do #diadeinternet, entre os que figura a Asociación. En concreto, o punto lido pide un esforzo ao ámbito público neste sentido e menciona o labor que desenvolven os Centros de Competencias Dixitais para capacitar dixitalmente ás persoas de idade:

“4) Desenvolver iniciativas e plans de axudas públicos para dotar ás persoas maiores dos coñecementos e habilidades necesarios para que poidan utilizar de maneira independente as ferramentas dixitais: dispositivos, aplicacións e servizos e poder garantir así unha experiencia de uso igualitaria. Apoiar e impulsar as actividades nos centros de Competencias Dixitais para que os maiores adquiran autonomía en todas as facetas da realidade dixital.”

A intervención na lectura deste manifesto é un dos puntos de arranque da ampla programación coa que a Asociación Somos dixital conmemorará o Día da internet, que este ano focaliza o seu obxectivo nas tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable.

O próximo 7 de abril comezarán, da man da Rede de aulas CeMIT, apoiada polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, as iniciativas organizadas ao redor desta efeméride, que se estenderán ao longo de abril e maio, incluíndo un reto colaborativo virtual —que ten como obxectivo chegar virtualmente até Santiago—, no que poderán participar as persoas usuarias dos Centros de Competencias Dixitais de toda España. Desenvolveranse tamén un Escape Room e unha serie de webinars sobre servizos dixitais para a mellora da calidade de vida das persoas, organizados desde as Redes de Centros de Competencias Dixitais de toda España e coordinados pola Rede CeMIT.
 

O #Día da internet celébrase desde 2006
O #diadeinternet é un proxecto de dinamización social que se constrúe ao redor das novas tecnoloxías e á data do 17 de maio, designada pola ONU para a súa conmemoración a nivel mundial. Desde 2006, celébrase anualmente para dar a coñecer a importancia da rede e as posibilidades que poden ofrecer as TIC ás persoas e ás sociedades no seu conxunto.

O Comité de Impulso que promove o manifesto está composto por máis de 50 organizacións de recoñecido prestixio, especialmente interesadas e involucradas en promover o desenvolvemento e o bo uso da internet e das Novas Tecnoloxías, entre elas a Asociación Somos Dixital e a Amtega.
 

Os Centros de Competencias Dixitais e Somos dixital, a tecnoloxía ao alcance de todas as persoas
Somos dixital é unha asociación composta por organizacións públicas e privadas que orienta a súa actividade á capacitación e inclusión dixital de todas as persoas, especialmente daquelas que están risco de exclusión dixital. Reducir barreiras, xerar valor local a través das tecnoloxías e, en definitiva, mellorar a calidade de vida son os obxectivos fundamentais da actividade que despregan máis de 2.000 Centros de Competencias Dixitais distribuídos por toda España, entre eles as 91 aulas CeMIT de Galicia, e que comparten a súa experiencia e impulsan as súas sinerxías a través da asociación.