Díaz Mouteira pon en valor o STEMbach, o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía impartido no IES Eduardo Blanco Amor de Ourense

Xoves 31 de Xaneiro de 2019

Díaz Mouteira pon en valor o STEMbach, o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía impartido no IES Eduardo Blanco Amor de Ourense

• A delegada territorial da Xunta en Ourense visitou hoxe este centro educativo, o único da provincia de Ourense que imparte estes estudos
• Son 18 alumnos na modalidade de ciencias que cursan unha materia extracurricular semanal, de dúas horas, e realizan actividades complementarias de formación

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o IES Eduardo Blanco Amor, o único centro da provincia de Ourense no que se imparte o STEMbach, Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, creado ao abeiro da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020. Esta modalidade, neste primeiro ano de aplicación, impártese en 15 IES da Comunidade e cúrsana un total de 200 estudantes.

En opinión de Díaz Mouteira, estes estudos supoñen unha oportunidade que facilita ao alumnado o acceso aos estudos superiores “para chegar ao mundo universitario cun coñecemento previo de primeira man”. Neste sentido, a representante do Goberno galego en Ourense lembrou que o STEMbach completa a formación do alumnado en aspectos máis amplos, como o desenvolvemento dunha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica, clave para avanzar nunha sociedade máis xusta, participativa e libre; o fomento da creatividade, a mellora das destrezas comunicativas e a mellora da capacidade expresiva, oral e escrita.

Durante a visita Marisol Díaz, acompañada da xefa territorial de Educación, Universidade e Formación Profesional, Luz Fernández Quintas, puido intercambiar impresións co alumnado deste Bacharelato, pensado tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias. Segundo a delegada territorial, estes estudos permitirán unha conexión directa co ensino universitario, posto que o alumnado que o cursa deberá desenvolver, no segundo curso, un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM. De feito, e para cristalizar esta cooperación, asinarase un convenio de colaboración coas universidades participantes.

Ademais, os 18 alumnos e alumnas que optaron por estes estudos na modalidade de Ciencias está a cursar algunha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Esta materia será a mesma nos dous cursos coa correspondente secuenciación curricular.

Así mesmo, realizará actividades complementarias de formación –organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia– como conferencias, obradoiros ou proxectos.

Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.

A delegada territorial agradeceulle ao profesorado e ao equipo directivo do centro educativo a súa implicación neste novo proxecto cuxo obxectivo é promover a vocación cara á investigación científica e tecnolóxica, cunha metodoloxía que facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria e tendo en conta a perspectiva de xénero.

Segundo as previsións do departamento dirixido por Carmen Pomar, o próximo curso ampliarase a oferta deste bacharelato nun 33% coa incorporación de cinco novos centros.