A Xunta presenta o primeiro dicionario enciclopédico en lingua galega sobre as tecnoloxías da información e comunicación

Martes 15 de Decembro de 2009

A Xunta presenta o primeiro dicionario enciclopédico en lingua galega sobre as tecnoloxías da información e comunicación

O Goberno galego e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia impulsaron a elaboración do dicionario, que contou coa achega da Universidade de Vigo e da Real Academia Galega. A iniciativa pretende divulgar a teminoloxía das novas tecnoloxías en lingua galega e ser unha ferramenta pedagóxica para o seu uso e difusión no ensino e entre a cidadanía en xeral. O secretario xeral de Política Lingüística subliña a necesidade de conectar o galego cos avances que se produzan nas TIC como estratexia clave para garantir o futuro do idioma. Esta iniciativa enmárcase na aposta prioritaria da Xunta polo impulso á sociedade da información, co apoio ao sector empresarial das TIC como unha das liñas clave.

A lingua galega conta xa co primeiro dicionario enciclopédico sobre novas tecnoloxías. O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o subdirector xeral  de Desenvolvemento da Sociedade da Información, Cristóbal Varela, participaron esta mañá na presentación do Dicionario galego das TIC ou Digatic, un traballo que pretende divulgar a terminoloxía das novas tecnoloxías en lingua galega e ser, ademais, unha ferramenta pedagóxica para o seu uso e difusión no ensino e entre a cidadanía en xeral.

O Dicionario galego das TIC é froito dunha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, desenvolvida coa colaboración da Universidade de Vigo e da Real Academia Galega. Trátase dun compendio documental de referencia que aglutina os termos conceptuais que expresan o amplo universo das TIC e da sociedade da información, reunindo máis de 4.000 vocablos.

O obxectivo do Digatic, no que a Xunta de Galicia investiu máis de 180.000 euros, é que as comunidades profesionais tecnolóxicas e empresariais, así como no ensino de bacharelato e a universidade, profesores e alumnos teñan ao seu alcance unha ferramenta lingüística que lles permita expresar e entender na lingua propia todos os termos e conceptos que definen as tecnoloxías das TIC e da sociedade da información.

Ademais do volume físico, os usuarios poderán acceder ao Diccionario galego das TIC no enderezo web http://www.digatic.com/, onde será actualizado de maneira permanente, creándose no seu contorno comisións técnicas mixtas, para o desenvolvemento conxunto da lingua e as tecnoloxías.

Análise do galego nas nova tecnoloxías
Na súa intervención, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, fixo unha breve análise da situación da lingua galega nas novas tecnoloxías, seguindo os datos recentes do Observatorio da Lingua Galega. Lorenzo destacou que no grupo de idade dos 15 aos 24 anos case o 50% declara empregar ferramentas no idioma propio de Galicia e que preto do 20% da sociedade emprega algún programa informático en galego. Entre outros datos, o secretario xeral tamén indicou que, actualmente, o 40% das empresas de Galicia que desenvolveron software propio fixo algún produto en galego. Con todo, o responsable de Política Lingüística apuntou que “o uso do galego nas TIC por parte da cidadanía é moi inferior ao que se produce noutros contextos, o cal indica que temos unha responsabilidade e un camiño por seguir neste campo”.

Respecto do Digatic, Anxo Lorenzo afirmou que vai ser “un elemento imprescindible para facilitar o desenvolvemento do labor da comunicación en galego” e asegurou que o departamento que dirixe procurará contribuír ao máximo na súa difusión, na medida en que é un obxectivo prioritario para Política Lingüística “lograr que os profesionais de calquera ámbito teñan que facer o menor esforzo engadido posible polo feito de traballaren en galego”. Neste sentido, Anxo Lorenzo fixo referencia aFeito!, un recurso impreso que vén de publicar o departamento que dirixe, no que se recollen as ferramentas máis útiles en lingua galega no ámbito das novas tecnoloxías.

Finalmente, o secretario xeral salientou o feito de “conectar a lingua galega aos avances que se producen nas novas tecnoloxías como unha estratexia clave para garantir o futuro do idioma, que non é outra cousa que garantir a vixencia da utilidade da lingua propia de Galicia nos novos espazos da nosa vida”. Así mesmo, incidiu na idea de que o sector da novas tecnoloxías “é de crucial importancia para a visibilización e proxección do galego” e para que esta lingua se vincule con valores de “contemporaneidade, evolución e prestixio”.

Apoio ao sector empresarial das TIC para o impulso da Sociedade da Información 
Pola súa banda, o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Cristóbal Varela Artime, enmarcou o Dicionario galego das TIC na aposta prioritaria da Xunta polo impulso da sociedade da información, tendo no apoio ao sector empresarial das novas tecnoloxías unha das liñas de actuación clave. Ademais, sinalou a importancia de ferramentas como este Digatic no camiño da alfabetización dixital e da diminución da fenda dixital, que definiu como “obxectivos estratéxicos da Xunta na presente lexislatura”.

Varela destacou a importante presenza de empresas do sector das TIC en Galicia, no que o nivel de emprego pasou dos 9.193 traballadores en 2005 aos 13.521 en 2008, o que representa o 1,26% da poboación ocupada galega. Nese sentido, o subdirector xeral avogou polo posicionamento do sector nos segmentos de mercado emerxentes, coa promoción de contidos dixitais multilingües, innovadores e de calidade e o apoio ao desenvolvemento de produtos baseados en software aberto.

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, aproveitou a súa intervención para reiterar a reivindicación da elección de Galicia como sede da Axencia Estatal de Radiocomunicacións, convencido de que esta suporá unha oportunidade única xeradora de desenvolvemento, emprego altamente cualificado e de innovación.