A Xunta abre o prazo de solicitude dos bonos dixitais para facilitar a contratación de banda larga a colectivos vulnerables

Mércores 23 de Novembro de 2022

A Xunta abre o prazo de solicitude dos bonos dixitais para facilitar a contratación de banda larga a colectivos vulnerables

• Dende mañá poderanse solicitar os bonos para a redución mensual de ata 20 euros no custe do servizo de internet
• Os bonos permitirán contratar ou mellorar a conexión a banda longa fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps durante un ano a máis de 5.700 persoas
• Prevese ademais unha nova convocatoria para inicios do ano 2023 en caso de non esgotarse os bonos dispoñibles nesta primeira convocatoria
• A iniciativa, enmarcada no programa estatal ÚNICO-Bono Social, conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros
• Con esta, a Xunta xa ten en marcha as catro medidas predefinidas polo Goberno de España no marco do compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea para a mellora da conectividade


Diario Oficial de Galicia publica hoxe o listado das entidades colaboradoras que participarán na xestión dos bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables, polo que dende mañá os cidadáns interesados poderán solicitar os bonos.

Co obxecto de facilitar o proceso de solicitude dos bonos, as persoas interesadas poden acudir ao traballador social do seu concello e este encargarase de realizar a solicitude. Non obstante, os interesados poderán tamén presentar as solicitudes por vía electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos.

A iniciativa, enmarcada no programa estatal ÚNICO Bono Social, permitirá a persoas ou familias vulnerables contratar ou mellorar a conexión á banda longa fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cunha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses cun máximo de 240 euros.

Os interesados poden coñecer cales son as entidades colaboradas a través do rexistro de operadores-colaboradores accesible a través das seguintes ligazóns:
 

·         https://amtega.xunta.gal/rexistro-operadores-bono-social (gal)

·         https://amtega.xunta.gal/es/registro-operadores-bono-social (es)

Esta iniciativa conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea.

Con este fondos prevese conceder máis de 5.700 bonos polo, que de non esgotarse os bonos dispoñibles nesta primeira convocatoria, porase en marcha unha nova convocatoria para inicios do ano 2023.

Con esta, a Xunta xa ten en marcha as catro medidas predefinidas polo Goberno: a liña de mellora da conectividade en centros públicos; as axudas para o reforzo da conectividade en áreas de concentración empresariais e centros loxísticos de Galicia; os bonos dixitais para facilitar a contratación de internet a persoas vulnerables; e a destinada á mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios.
 

En total o Estado destinará ás comunidades un 9% dos máis de 4.000 millóns de euros do Plan. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital resérvase, polo tanto, o 91% dos fondos para resolver os problemas de conectividade fixa e sen fíos en todos os territorios e cumprir cos obxectivos que marca Europa. Entre eses obxectivos está o de que o 100% das poboación teña acceso a banda longa de ao menos 100 Mbps.