A secretaria xeral para o Turismo inaugura en Vigo o foro ‘Os bloggers como novos prescritores do turismo. novas tecnoloxías, novas formas de comunicación’

Martes 16 de Novembro de 2010

A secretaria xeral para o Turismo inaugura en Vigo o foro ‘Os bloggers como novos prescritores do turismo. novas tecnoloxías, novas formas de comunicación’

Mª Carmen Pardo resaltou que este encontro constitúe un paso cara adiante na innovación da promoción do destino Galicia, ao tempo que serve para aproveitar as vantaxas do mundo 2.0, a súa axilidade e poder de difusión

Galicia é a primeira comunidade que converteu aos axentes de ‘contact center’ en ‘community manager’ turísticos, co obxectivo de que estes dinamicen os seus contactos de maneira proactiva

Esta iniciativa forma parte do Plan de Desestacionalización Turística de Galicia, cuxo obxectivo é aumentar a ocupación dos establecementos turísticos en tempada baixa e promocionar a nosa comunidade a través de produtos diferenciados e novas experiencias

A secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo, inaugurou hoxe en Vigo o VII Foro Rías Baixas, baixo o título ‘Os blogger como novos prescritores do turismo (blogtrip). Novas tecnoloxías, novas formas de comunicación’. Este foro forma parte do plan de desestacionalización de Galicia, cuxo obxectivo é aumentar a ocupación dos establecementos turísticos en tempada baixa e promocionar a nosa comunidade a través de produtos diferenciados e novas experiencias. Dito plan inclúe acordos asinados con representantes institucionais das catro provincias galegas –no caso de Pontevedra o convenio nace da sinatura entre Turgalicia e o Padroado de Turismo Rías Baixas.

A secretaria xeral afirmou que este encontro de blogueiros, primeira iniciativa do Plan na provincia de Pontevedra, constitúe un paso cara adiante na innovación da promoción do destino Galicia. “Esperamos que esta experiencia se poida mostrar como un cambio na forma de promocionar o noso turismo”, dixo. “Ademais a proposta de blogtrip que se realiza aquí constitúe un novidoso programa que pretende dar un paso adiante na innovación da promoción do destino, e aproveitar as vantaxes do mundo 2.0, a súa axilidade e o seu poder de difusión”, engadiu.

A responsable de Turismo tamén informou de que Galicia é a primeira comunidade autónoma en abrir unha canle de social media a través do seu contact center. A través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral, convértense aos axentes de contact center en community managers turísticos. “O obxectivo é que estes dinamicen os contactos turísticos dunha maneira proactiva, a través dos distintos canais –teléfono, fax, email- para atender as consultas dos usuarios”, explicou a secretaria xeral. A creación dun cadro de mando específico no que se recollen todos os comentarios que aparecen na Internet sobre os máis variados conceptos turísticos: Galicia, Camiño de Santiago, etc. é un dos aspectos máis novidosos desta iniciativa.

Por último, Mª Carmen Pardo anunciou que o seu departamento seguirá apostando pola innovación a través das redes socia se pola vangarda tecnolóxica, ao igual que polas novas tendencias na promoción de destinos. “O obxectivo é lograr ser máis competitivos”, matizou.

Segundo datos do último blogtrip de España, 1.828.019 persoas foron impactadas nalgún momento polas publicacións xeradas por esta acción. O Blogtrip Rías Baixas conseguiu nas súas primeiras 24 horas un impacto en redes sociais como Twitter de máis de 2.500.000 impresións; en buscadores como Google aparecen máis de 800 resultados das palabras ‘Blogtrip Rías Baixas; ademais, máis dunha vintena de medios tradicionais incluíron reseñas e novas sobre o mesmo, así como uns 500 visionados de vídeos sobre o visto polos participantes neste blogtrip.

Ponentes de prestixio

No foro participan como poñentes e relatores expertos blogueiros tan recoñecidos como o consultor turístico Marco Táboas, fundador de Promo-Turismo.com, o xefe de proxectos de Hosteltur, Jimmy Pons, o xornalista Melchor Miralles, a redactora xefa da publicación Hosteltur, Esther Mascaró, e o presidente da Asociación Española de Social Media, Gaby Castellanos. Outros blogueiros destacados no encontros on Victoria Rodríguez, Lasse Rouhiainen, Mauro Fuentes ou Magdalena Camps.

Dentro do plan de visitas á provincia de Pontevedra, os principais creadores de blogs turísticas de España tiveron ocasión de visitar localidades como A Guarda, Mondariz-Balneario, Pontevedra, O Morrazo, Vigo e a costa occidental da Ría de Pontevedra. Ademais tamén se achegaron ata unha adega acollida á denominación de orixe Rías Baixas.