Preguntas frecuentes sobre a CODIX

Preguntas frecuentes sobre a CODIX

Qué é a CODIX e para que vale?

A Codix é a certificación galega de competencias dixitais. Por medio desta certificación, a persoa titular pode acreditar, ante as instancias públicas ou privadas, as súas competencias en en materia de ofimática.

As certificacións, coa vixencia que se determine, poderanse valorar como mérito ou establecer como requirimento de participación nos procesos de provisión de postos de traballo ou de selección de persoal e como base obxectiva para a promoción profesional, sempre de acordo cos termos que estableza a normativa reguladora da función pública da Xunta de Galicia.

Como se pode solicitar a Codix?

Existen dúas formas para obter a Codix:

Mediante a presentación dunha solicitude dirixida a Amtega na que se acrediten as competencias necesarias para a súa obtención por algunha das vías establecidas regulamentariamente.
As persoas que desexen solicitar a Codix deben acceder á sede electrónica da Xunta de Galicia e localizar o procedemento “PR525A - Solicitude de certificación galega de competencias dixitais en ofimática”:. Á páxina da sede
para o procedemento PR525A tamén se pode acceder no punto indicado como “Solicitude” dende a páxina da Amtega onde se amosa información sobre a Codix.
Na páxina da sede para o procedemento PR525A ofrécense dúas formas de presentación: iniciar a presentación electrónica na sede (precísase dispoñer dun certificado dixital ou estar dado de alta en Chave365), ou ben descargar o modelo de solicitude para presentala, en papel, nun rexistro de entrada convencional.
Mediante a superación dunha das probas específicas convocadas para ese fin pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia a través da rede CeMIT. Estas convocatorias teñen carácter periódico e están abertas a toda a cidadanía. Para mais información consultar a páxina web https://cemit.xunta.es/node/6101. Neste caso xa non é preciso solicitar a emisión da certificación Codix, pois a Amtega os emite de oficio a todas as persoas que superen as probas comentadas.

A Codix implica que o titular terá un diploma para a súa acreditación?

Non se expide un diploma como tal. A Codix que se expide aos interesados é un certificado recollido en formato PDF asinado electronicamente cun código de verificación electrónica (CVE). O formato deste documento variou pero a súa validez é a mesma posto que o relevante é a sinatura electrónica recollida no documento.

Os titulares da Codix acreditarano mediante o documento PDF asinado electronicamente ou ben, se o queren facer en papel, mediante unha impresión do mesmo. A orixinalidade desta copia impresa será cotexada contrastando o CVE na web da Xunta de Galicia.

Cales son as competencias necesarias para a obtención da Codix e como as debo de acreditar na solicitude?

A Codix pódese solicitar achegando copia da seguinte documentación acreditativa segundo a súa orixe:

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) expide documentación que certifica a superación das actividades formativas que compoñen o Plan Ofimático de Galicia (190 horas). Polo tanto, é necesario que o interesado achegue un certificado que recolle a superación destas actividades, que a EGAP emite cando ten constancia de que a persoa superou todas as actividades formativas que compoñen o Plan Ofimático de Galicia:
Sistema operativo, busca de información en internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
Aplicacións informáticas de tratamento de textos (30 horas);
Aplicacións informáticas de follas de cálculos (50 horas);
Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (50 horas);
Aplicacións informáticas para presentacións gráficas de información (30 horas).
A administración laboral expide certificacións que acreditan as competencias necesarias para a obtención da Codix, en concreto son as seguintes:
Certificado de profesionalidade que inclúa a unidade de competencia UC0233_2 "Manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e da documentación";
Certificado da unidade de competencia UC0233_2 "Manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e da documentación";
Certificado oficial que acredite ter superado o módulo formativo MF0233_2 "Ofimática" (190 horas).
A titulación oficial en FP que inclúa a unidade de competencia UC0233_2 "Manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e da documentación", ou ben copia de certificación académica oficial que detalle expresamente a superación da unidade de competencia UC0233_2, ou do módulo profesional MP0440 “Tratamento informático da información”, ou no seu defecto das unidades formativas MP0440_23: "Ofimática" (160 horas) e MP0440_33: "Multimedia" (38 horas), ou do módulo profesional MP0649 “Ofimática e proceso da información”
 

Que é a administración laboral?

A administración laboral é a parte integrante da Administración Xeral que exerce competencias derivadas da política social dos poderes públicos, da vixilancia do cumprimento do ordenamento laboral e de procedementos dos que a súa resolución se atribúe polo ordenamento legal.

Os diplomas de cursos de centros de formación ou sindicatos que certifican a superación do módulo formativo MF0233_2 “Ofimática” serven para acreditar as competencias para a obtención da Codix?

Estes centros e sindicados NON son administración laboral. Por iso, eses diplomas si poden ter validez noutros procesos (concursos, promocións...) pero non para acreditar as competencias para a obtención da Codix xa que o emisor non se pode considerar administración laboral. Neste tipo de accións de formación, habitualmente a propia administración laboral coordina co sindicato a acción formativa, emitindo a correspondente certificación. Se ese é o seu caso, debe achegar esta certificación emitida pola propia administración laboral.

Que relevancia ten o correo electrónico que indico na solicitude?

En resposta á súa solicitude e unha vez verificada a vía de acreditación presentada, se procede, enviarase a esa dirección de correo electrónico a certificación galega de competencias dixitais en ofimática (Codix) en formato PDF asinado electronicamente.

Superei o conxunto de actividades do Plan Ofimático de Galicia na EGAP, é preciso que achegue a certificación expedida pola EGAP?

Si. É necesario que achegue a certificación expedida pola EGAP como documento adxunto á súa solicitude e acreditativo das competencias necesarias para obter a Codix, xa que é unha das esixencias establecidas regulamentariamente para a emisión da Codix.

Teño varios certificados/diplomas da EGAP de cursos relacionados con Plan Ofimático de Galicia, e tamén teño outros certificados de accións de formación relacionadas coa informática impartidas por sindicatos. En total, todas as acción formativas comprenden o Plan Ofimático de Galicia (190 horas) e incluso algunha supón máis horas das que recolle este plan. Son válidos estes documentos para obter a Codix?

Non. É necesario que a documentación que certifique a superación de todas as actividades formativas que compoñen o Plan Ofimático de Galicia (190 horas) este expedida pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O resto de documentación que indica pode ter validez noutros procesos (concursos, promocións...) pero non para acreditar as competencias para a obtención da Codix.

Fixen na Mancomunidade un curso de ofimática avalado pola Consellería de Traballo e teño un certificado expedido pola Mancomunidade así como a xustificante de que ese curso foi avalado pola Consellería. ¿Son válidos para obter a Codix?

Non. É necesario que achegue a certificación expedida pola autoridade laboral que acredite a superación da acción formativa ofimática (MF0233_2, ou ben que conteña a UC0233_2). Neste tipo de accións de formación, habitualmente a propia administración laboral coordina co sindicato a acción formativa, emitindo a correspondente certificación. Se ese é o seu caso, debe achegar esta certificación emitida pola propia administración laboral.

Teño unha carta (non unha certificación) expedida pola Consellería con competencias en materia de traballo/emprego na que se lle indica que teño dereito á expedición dun certificado profesionalidade que inclúe a unidade de competencia UC0233_2 "manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e da documentación". Podo obter a Codix?

Si. Debe achegar ese documento xa que acredita que dispón dun certificado de profesionalidade expedido pola administración laboral que inclúe a unidade de competencia UC0233_2 "Manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e da documentación" e, por tanto, acredita as súas competencias para a obtención da Codix.

Teño titulación de FP e tamén unha certificación académica oficial pero nin no título nin na certificación aparece recollido que este inclúa a UC0233_2, nin que superei os módulos profesionais MP0440, ou no seu defecto das unidades formativas MP0440_23 e MP0440_33. Como podo xustificar as competencias necesarias para a obtención da Codix?

Para xustificar as súas competencias é preciso que solicite unha certificación académica actualizada no seu centro de ensino. Nesta certificación académica deberá de recollerse, si así fose, que os seus estudios realizados inclúen a UC0233_2, ou o módulo profesional MP0440, ou no seu defecto as unidades formativas MP0440_23 e MP0440_33, ou o módulo profesional MP0649 “Ofimática e proceso da información”.

Teño o título de “Técnico Superior en Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas”. É válido para acreditar as competencias para obter a Codix?

Non. Xa que esta titulación non inclúe a UC0233_2 (segundo se recolle no RD 450/2010).

A Codix permite acreditar a formación realizada en ofimática?

A Codix é unha certificación que acredita ao seu titular competencias en materia de ofimática, pero a priori non acredita a superación de actividades formativas en ofimática (aínda que estas foran acreditadas para a obtención do Codix). Por iso, no caso de que nalgún proceso lle solicitan acreditar formación realizada en ofimática deberá achegar eses diplomas-certificacións das actividades formativas realizadas. Se obtivera o Codix tras superar unha proba presencial deberá de solicitar eses diplomas-certificacións de accións de formación ao centro impartidor desa formación. Por exemplo, en caso de telo feito a través das probas de acreditación organizadas entre a EGAP e a Amtega, pode solicitar esta acreditación á EGAP. En todo caso, a valoración como mérito ou consideración como mecanismo de acreditación da Codix depende dos termos que estableza a normativa reguladora do proceso ao cal se presente.