Opendata - Abert@s

Opendata - Abert@s

Abert@s é o portal de acceso aos datos públicos da Xunta de Galicia en formato reutilizable.

Os conxuntos de datos expostos ofrécense baixo licenzas de propiedade abertas, que permiten a súa redistribución, reutilización e aproveitamento con fins comerciais.

Os principais obxectivos do portal son:

Xerar valor e riqueza, obtendo produtos derivados dos datos que terceiros poidan crear.
Fomentar a transparencia, reutilizando os datos para analizar e avaliar a xestión pública.
Fomentar a interoperabilidade entre administracións, creando servizos que utilicen datos de diferentes administracións.

A iniciativa Abert@s persegue que determinados datos e informacións pertencentes ao sector público de Galicia sexan accesibles e estean dispoñibles para toda a cidadanía, sen restricións técnicas nin legais.

Abert@s pretende definir e pór en marcha unha estratexia xeral que permita mellorar o acceso á información pública, facilitando a reutilización da información por parte da cidadanía, das empresas e dos propios órganos internos.

Ter acceso aos datos da Administración garante a transparencia, dado que estes proceden directamente de fontes oficiais. Tamén se fomenta a eficiencia e a igualdade de oportunidades, xa que a cidadanía e as empresas poden crear servizos que resolvan as súas necesidades en colaboración coa Administración e acceder aos datos en igualdade de condicións.

Así, a Xunta de Galicia súmase a esta iniciativa na que xa están inmersas outras administracións públicas de todo o mundo, dando un paso máis por cumprir os seus obxectivos de implantar e difundir a Administración electrónica.

Para máis información visite o portal no enderezo http://abertos.xunta.es.