A Xunta porá en marcha este ano unha oficina virtual para a asistencia remota a vítimas de delitos

Luns 10 de Marzo de 2025

A Xunta porá en marcha este ano unha oficina virtual para a asistencia remota a vítimas de delitos

Ampliará o servizo que ofrecen actualmente estas oficinas, presentes nas 7 cidades principais de Galicia, e facilitará unha atención personalizada e continua das persoas
Ao longo deste ano renovarase toda a plataforma de gravación de vistas para que sexa máis fácil de usar, máis segura e máis funcional
O pasado ano rexistráronse 114.000 gravacións nas salas de vistas galegas, un 19% máis que en 2023
En 2025 ampliaranse as funcionalidades da sede xudicial electrónica, que o ano pasado rexistrou case un 50 % máis de trámites por parte da cidadanía
O expediente xudicial electrónico xa permite a consulta de máis de 3,4 millóns de procedementos e este ano disporá dun novo explorador para acceder á documentación dun xeito máis intuitivo e eficiente

A Xunta porá en marcha este ano unha oficina virtual de asistencia ás vítimas de delitos, que lles permitirá contactar a través de vídeoconferencia cos equipos de profesionais que atenden estes centros. O obxectivo desta iniciativa é ampliar o servizo que ofrecen actualmente as 7 oficinas de asistencia a vítima e facilitar unha atención personalizada e continua. Ademais, porase en marcha un espazo web con toda a información sobre os servizos destes centros para ampliar a súa difusión entre a sociedade.

É unha das iniciativas do III Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza en Galicia. Senda 2025, que durante o pasado ano dotou as oficinas de asistencia á vítima dun sistema de información, adaptado ás necesidades e requirimentos dos psicólogos e traballadores sociais que traballan nelas, que permitiu rexistrar preto de 1.200 expedientes e facilita a atención e o seguimento das persoas.

Son datos do balance de execución do Plan Senda durante 2024, no que se avanzan, tamén, actuacións previstas para este ano, como a renovación da plataforma de gravación de vistas. A nova versión do sistema eFidelius incorporará actualizacións tecnolóxicas e novas funcionalidades que farán o seu uso máis sinxelo e reforzarán a seguridade. En 2024 a plataforma realizou máis de 114.000 gravacións, un 19 % máis que en 2023.

O achegamento da vía telemática á cidadanía é outro dos obxectivos da dixitalización da Xustiza, no que a sede electrónica xudicial ten un papel destacado. En 2024 os galegos e galegas presentaron máis de 20.300 escritos a través desta sede, preto dun 50 % máis que o ano anterior. En 2025 ampliaranse as funcionalidades da sede xudicial e está prevista a publicación de novas versións, tanto da sede electrónica xudicial como do portal xustiza.gal.

O Plan avanza na consolidación do Expediente Xudicial Electrónico, no que máis de 3.200 profesionais entre xuíces, maxistrados, letrados, fiscais e persoal do Imelga e dos Rexistros poden acceder a máis de 3,4 millóns de procedementos, que inclúen tanto documentos como gravacións de vistas. En 2025 implantarase un novo visor do expediente xudicial electrónico, un explorador que permitirá acceder e traballar cos documentos dunha forma máis intuitiva e eficiente.

A sinatura dixital incrementouse un 14 % en 2024, acadando os 4,5 millóns de asinados online. Durante o 2024 ampliouse nun 33 % o número de persoas que dispoñen de acceso ao escritorio remoto, o que supón que 2.563 profesionais do eido xudicial poden teletraballar ou realizar o seu traballo en mobilidade.

Este ano finalizarase a implantación do novo modelo de rexistro civil, baseado na tramitación integramente electrónica, co que xa traballan 31 partidos xudiciais e 189 oficinas colaboradoras. En 2024 avanzouse na dixitalización dos libros de inscricións de nacementos, matrimonios e defuncións dos rexistros civís e xulgados de paz desde 1950.

O pasado ano despregáronse redes para a conexión WiFi segura na práctica totalidade das salas de vistas e audiencias de xulgados galegos e dotouse de equipamento dixital a 20 salas de declaracións, conciliación ou multipropósito e a 5 salas “amables” (espazos para facilitar a participación nas vistas de persoas vulnerables).

A capacitación é unha das liñas de actuación do Plan para acompañar aos profesionais da Xustiza en todo o proceso e en 2024 realizáronse máis de 3.300 horas de formación.

Durante 2025 levaranse a cabo as accións necesarias para dar resposta á Lei Orgánica 1/2025, de 2 de xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do Servicio Público de Xustiza.

 

Investimento de 43 millóns de euros ata 2025

Todas estas actuacións enmárcanse no III Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia. Senda 2025, que busca a consolidación dixital da xustiza, para facela máis próxima á cidadanía e ofrecer uns servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades. O Plan conta cun investimento de 43 millóns de euros en cinco anos.