Xunta e Goberno arxentino consolidan a súa colaboración no eido do teletraballo coa sinatura dun memorando
O documento ten como finalidade fomentar as actuacións que melloren e estendan esta modalidade de traballo non presencial a través dunha mellor formación.
O Goberno arxentino porá a disposición da Xunta unha plataforma virtual e un foro para a formación en boas prácticas de teletraballo, TIC ou lexislación na materia.
Asinaron o memorando a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Xunta e a coordinadora de Teletraballo do Ministerio de Traballo arxentino.
Actualmente na Xunta xa hai 53 empregados públicos autorizados para desempeñar os seus labores a través do Teletraballo.
A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Xunta, Natalia Prieto, e a coordinadora de Teletraballo do Ministerio de Traballo, Emprego e Seguridade Social da Arxentina, Viviana Laura Díaz, asinaron hoxe un memorando de entendemento para o intercambio de boas prácticas e experiencias formativas no eido do teletraballo.
O ano pasado, a Vicepresidencia da Xunta aceptou o ofrecemento do Goberno arxentino para colaborar no favorecemento da conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores a través do teletraballo, así como na mellora da eficacia e eficiencia na xestión de recursos e o impulso da incorporación das novas tecnoloxías nos métodos de traballo.
Con ese obxectivo, ambos gobernos asinaron daquela unha Declaración de Intencións, cuxo compromiso e colaboración se estende agora neste memorando, que ten como obxectivo fomentar as actuacións que melloren e estendan o teletraballo a través dunha mellor formación.
En concreto, o Goberno arxentino porá a disposición da Xunta de Galicia unha plataforma virtual de formación e a posta en marcha dun foro no cal distintos docentes plantexarán obxectivos, modalidades de traballo, bibliografía a analizar e fixarán parámetros de avaliación de coñecementos.
Os módulos que conterá a dita formación serán os seguintes: introdución ás TIC e o Teletraballo; Lexislación nacional e comparada do Teletraballo - Experiencia PROPET; Novas Formas de Comunicación a través das TIC; Boas prácticas en Teletraballo –Desenvolvemento nacional e Internacional; e Medio Ambiente e Teletraballo.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia realizará a selección das persoas que reciban a formación que comprenderá en todo caso ao persoal que este autorizado para o desempeño do Teletraballo e aos seus respectivos supervisores, establecerá os canles de comunicación adecuados cos representantes do goberno arxentino e avaliará os resultados acadados.
Finalmente, ambas partes elaborarán un informa final conxunto de avaliación sobre a formación levada a cabo, e onde se cuantificarán os beneficios desta modalidade, así como o impacto da dita experiencia.
53 autorizados para o Teletraballo
Con datos cerrados a marzo, un total de 53 empregados públicos están xa autorizados para desempeñar os seus labores a través do Teletraballo. Destes, a provincia na que máis xente se acolleu ao Teletraballo foi a da Coruña, co 74 por cento dos casos, seguida de Ourense, co 10 por cento, 9 por cento en Pontevedra e 7 por cento de Lugo.
Dos traballadores acollidos ao Teletraballo na Xunta de Galicia, o 58 por cento son mulleres e o 42 por cento restante homes. Por consellerías, encabezan á lista as de Traballo e Benestar e Vicepresidencia, co 19 por cento dos casos, seguidas de Medio Rural e do Mar, co 18 por cento, Sanidade, co 17, e MATI co 15 por cento.