A Xunta desenvolve tecnoloxías de intelixencia artificial que podan axudar na actualización do rexistro de viñedos

Martes 08 de Agosto de 2023

A Xunta desenvolve tecnoloxías de intelixencia artificial que podan axudar na actualización do rexistro de viñedos

• As tecnoloxías intelixentes facilitarán a localización de parcelas vitícolas que non teñen viñedos

 • A información axudará aos técnicos no traballo de descartar parcelas e poderán centrarse naquelas que están activas

 • O sistema usa técnicas de visión artificial e aprendizaxe automática para o procesado das imaxes e a consecuente detección do uso da terra

 • Xa foi probado con índices de acerto superiores ao 95% e avalíase a súa incorporación como un elemento que poda dar apoio na actualización do Rexistro Vitícola de Galicia

 • Forma parte dun importante proxecto posto en marcha pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a modernización das ferramentas de xestión do viñedo como parte da futura Plataforma Agroforestal Dixital de Galicia

As tecnoloxías de intelixencia artificial –que permiten “adestrar” un sistema para que sexa capaz de discernir entre terras que están ocupadas por viñedos das que non o están– poderán ser utilizadas pola Xunta de Galicia para actualizar a información sobre as parcelas vitícolas.

O sistema, desenvolvido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, xa foi probado cun índice de acerto superior ao 95%, polo que se avalía a súa implantación para o seu uso por parte dos técnicos da Consellería de Medio Rural como parte dos traballos que está a desenvolver a Consellería para actualizar o Rexistro Vitícola de Galicia, posibilitando así actualizar a situación real do cultivo da viña en Galicia.

No traballo –que se está a desenvolver coordinado pola Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias– determinarase a correspondencia de cada parcela vitícola co Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC), así como aquelas que non están ocupadas por viñedos.

Ata agora son os técnicos os que teñen que comprobar e, no seu caso, descartar as parcelas sen viñedos. Sen embargo, os datos contidos na ortofoto do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA) permiten distinguir as parcelas vitícolas que teñen viñedo e as que non. A automatización da análise destas imaxes con técnicas de aprendizaxe automática (Machine Learning) e intelixencia artificial representa unha oportunidade para a simplificación deste proceso.

As tecnoloxías empregadas polo sistema desenvolvido pola Xunta son, entre outras, a clasificación de imaxes con redes neuronais profundas (DNN-Deep Neural Networks) e os algoritmos para a simplificación, control e aprendizaxe automática e produción de modelos. Dende a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e coa colaboración dos técnicos da Consellería do Medio Rural, continúase a traballar para perfeccionar este innovador sistema de identificación do viñedo en Galicia, con especial énfase na aprendizaxe respecto doutros cultivos nos que adoita producirse falsos positivos pola tipoloxía dos mesmos (por exemplo os kiwis presentan nas ortofotos un patrón similar, se ben o sistema desenvolvido resolve axeitadamente esta cuestión).