A Xunta aspira a especializar a Galicia en ciberseguridade a través da colaboración, a atracción de coñecemento e a formación

Xoves 18 de Xuño de 2026

A Xunta aspira a especializar a Galicia en ciberseguridade a través da colaboración, a atracción de coñecemento e a formación

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participou hoxe na Coruña na presentación do Centro de Innovación en Operacións Ciber Intelixentes de IndraMind
Destaca iniciativas da Xunta como o nodo CIBER.gal, os servizos de ciberseguridade a concellos, a rede de laboratorios de ciberseguridade industrial ou os cursos de especialización en FP

A Xunta de Galicia aposta pola especialización tecnolóxica da Comunidade Autónoma no ámbito da ciberseguridade a través da colaboración, a atracción de coñecemento e talento dixital, a formación e a concienciación.
Foron as liñas estratéxicas destacadas hoxe polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, durante a presentación do novo Centro de Innovación de Operacións Ciber Intelixentes de IndraMind na Coruña. Este centro nace co obxectivo de atraer e desenvolver talento especializado na investigación en IA aplicada á ciberseguridade.
Damián Rey destacou a coincidencia deste obxectivo coa liña estratéxica da Xunta de atraer e concentrar coñecemento tecnolóxico en Galicia. Neste sentido, destacou a próxima inauguración de dous centros demostradores en ciberseguridade industrial na Cidade da Cultura, que forman parte dunha rede de seis laboratorios que se están a crear no marco dun proxecto das Redes de Especialización Tecnolóxica no que Galicia participa xunto con Cataluña e a Comunidade Valenciana.
Na liña de colaboración, o director da Axencia autonómica destacou o traballo do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal que foi a primeira estrutura de colaboración público – privada neste ámbito que se creou nunha rexión española. Citou tamén os servizos de ciberseguridade que a Xunta presta a concellos e deputacións.
En canto á atracción de coñecemento, ademais da rede de laboratorios, Damián Rey referiuse ao Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA), que se está a construír en Ourense, e que prestará servizos de ciberseguridade a empresas, cidadanía a administración local.
En canto á formación, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia citou os 14 cursos de especialización en ciberseguridade na FP, que ofrecen 360 prazas; e ás máis de 1.600 horas de formación en cursos de ciberseguridade para profesionais de Galicia. Por último, referiuse as campañas de sensibilización e iniciativas dirixidas a menores ou a fomentar o talento dixital entre o alumnado de Galicia.