A Xunta aproba un acordo marco que permitirá aumentar a capacidade de almacenamento dos datos que xestionan todos os seus sistemas e aplicacións
O Consello da Xunta aprobou hoxe un acordo marco para adquirir novo equipamento para o almacenamento dos datos que xeran todos os sistemas e aplicacións da Administración autonómica. O acordo prevé un investimento de ata 23 millóns de euros, que permitirá aumentar a capacidade de almacenamento actual para dar resposta ás necesidades do incremento dos servizos dixitais.
O obxectivo do acordo é modernizar un equipamento clave na xestión e custodia dos datos que manexa a Xunta, mediante a adquisición de cabinas de almacenamento, discos de alto rendemento ou directores de fibra para que os servidores teñan unha comunicación directa e de moi alta velocidade. Só entre 2022 e 2025 a capacidade de almacenamento da Xunta pasou de 4,8 Petabytes (PB) a 8,3PB. A este acordo marco pódense adherir outras entidades públicas.
Ademais de aumentar a capacidade de almacenamento, o novo sistema proporcionará un acceso rápido e fiable aos datos, unha maior seguridade na súa custodia e unha optimización dos custos e un mellor rendemento das aplicacións, o que redundará nun mellor servizo aos cidadáns.
Reforzo para iniciativas chave da dixitalización
Este acordo enmárcase dentro da estratexia da Xunta de Galicia de reforzar a súa infraestrutura tecnolóxica para responder ás necesidades actuais e futuras dunha Administración dixital.
Esta media é fundamental para avanzar en iniciativas en marcha como a creación dun nodo que concentrará nun único punto todos os datos e a información sobre os cidadáns e as súas relacións coa Administración. Isto permitirá que, nun futuro, os galegos e galegas poidan consultar a través da Carpeta cidadá da sede electrónica toda a información relativa a eles, independentemente do departamento ou unidade coa que os xestione, e actualizar os seus datos unha soa vez, evitando ter que comunicalos a diferentes departamentos.
Ademais, a ampliación da capacidade de almacenamento é esencial para dar soporte a outras actuacións que implican a xestión de grandes cantidades de datos como a plataforma Territorio intelixente ou a plataforma Agroforestal que, con base na sensorización do territorio, permitirán tomar decisións e comprobar os posibles efectos antes de aplicalas, facilitar a xestión da mobilidade ou prestar servizos personalizados para o sector agrícola.