A Xunta activa un acordo marco de máis de 11 millóns de euros para renovar e manter a rede de comunicacións de emerxencias

Luns 25 de Maio de 2026

A Xunta activa un acordo marco de máis de 11 millóns de euros para renovar e manter a rede de comunicacións de emerxencias

O Consello de Goberno aproba a contratación do servizo que permitirá modernizar a rede que utiliza a tecnoloxía TETRA, o estándar europeo que garante as comunicacións sen depender da telefonía móbil convencional
As actuacións previstas implican o cambio das estacións base, repetidores e equipos con sistemas que proporcionan maior seguridade e fiabilidade
A Rede Galega de Emerxencias Resgal, que pode ser empregada polas Administracións autonómica e local, conta con máis de 100 estacións base e cubre o 90% do territorio

Parte dos contratos derivados deste Acordo Marco destinaranse á renovación las estacións base e os repetidores que empregan a tecnoloxía TETRA, que é o estándar europeo para as comunicacións en situacións de emerxencias, xa que garanten o servizo mesmo cando non estean operativas ou accesibles as redes de telefonía móbil convencional.

O Acordo Marco tamén permitirá dotar de maior fiabilidade e resiliencia a rede e os seus sistemas asociados, tales como o de xeolocalización de terminais ou o de gravacións das comunicacións.

Está prevista, tamén, a optimización do sistema de conmutación automática da rede para evitar as posibles caídas do sistema, así como a ampliación da rede para a adhesión de novos usuarios a curto prazo .

A rede Resgal, considerada unha infraestrutura crítica de alta dispoñibilidade que cubre o 90% do territorio galego, está formada por 105 estacións radio base fixas, unha transportable, catro repetidores e dous nodos de conmutación en localizacións físicas independentes. Dispón tamén de sistemas de xeolocalización e gravación de voz.

A rede TETRA de Resgal é utilizada por todos os organismos da Xunta que xestionan emerxencia, como a AXEGA – 112 (Axencia Galega de Emerxencias), a Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), o 061, ou Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. Tamén está a disposición da Administración local, que pode contratar o servizo para policías locais, protección civil ou equipos de bombeiros. Actualmente están adheridas a esta rede 125 entidades locais e está en marcha un proceso para a entrada de novos concellos.