Xesús Vázquez Abad inaugura na Fundación Paideia a xornada ‘Procesos educativos e novas tecnoloxías’
O conselleiro de Cultura e Educación cualificou como “de máxima importancia” o debate e a formación no eido das TIC e a Educación
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o vicepresidente da Fundación Paideia, Guillermo Vergara, inauguraron esta tarde na sede herculina de Paideia Galiza a xornada ‘Procesos Educativos e Novas Tecnoloxías’. No desenvolvemento do acto, no que tamén estivo presente a delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo, o responsable do departamento autonómico dixo que “resulta da máxima importancia debater ideas, intercambiar opinións e compartir experiencias sobre a implantación das tecnoloxías da información e da comunicación no sector educativo; así como analizar os efectos, cambios e alcance das mesmas.”
Adicionalmente, Vázquez Abad subliñou que “o papel e a formación en TIC dos docentes é esencial durante todo este proceso, porque son eles os que deben dotar de contidos educativos as ferramentas tecnolóxicas e integrar a tecnoloxía en todas as áreas do coñecemento”, lembrando que “dominalas non é unha opción, é practicamente unha obriga para todos os que participamos do proceso educativo.”
Programa da xornada
A Fundación Paideia Galiza en colaboración coa Xunta de Galicia, organizou esta xornada, ‘Procesos Educativos e Novas Tecnoloxías’, dirixida a docentes, profesionais e estudantes da educación e da pedagoxía. O programa formativo da mesma abriuse co relatorio de Jordi Adell Segura, profesor titular da área de Didáctica e Organización Escolar e director do Centro de Ciencias e Novas Tecnoloxías da Universidade Jaime I, que disertou sobre novas tecnoloxías e innovación didáctica.
Posteriormente, nunha mesa redonda con representantes do CEIP Ramón de Artaza (Muros), CEIP Ría do Burgo (Culleredo) e CEIP Sagrada Familia (A Coruña) tratouse o tema das experiencias dos centros educativos na implantación e usos didácticos das TIC, e cada participante compartiu a súa experiencia. Ao respecto, o conselleiro lembrou a importancia deste tipo de debates. “Compartir as experiencias e boas prácticas, as conclusións ás que se chega tras a praxe e documentar o camiño polo que se transitou para chegar ata aquí vai axudar, sen ningún xénero de dúbida, aos que empezan ese mesmo traxecto e servirá de base para seguir avanzando”, afirmou Vázquez Abad.