Xa son máis de 200 os centros educativos galegos con conexións de 100 megas, grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

Domingo 26 de Maio de 2013

Xa son máis de 200 os centros educativos galegos con conexións de 100 megas, grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

Seis novos centros sumáronse este mes aos 199 que xa dispoñían desta conexión ultrarrápida, grazas as actuacións impulsadas pola Axencia de Modernización

As Redes de Nova Xeración permiten un acceso ata dez veces máis rápido aos diferentes recursos na Rede e o acceso simultáneo de máis usuarios

Esta actuación intégrase no Plan de Banda Larga que está a despregar infraestruturas de telecomunicación para que tanto os centros administrativos como os cidadáns poidan acceder a un servizo de Internet de calidade

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) completou a implantación de redes de nova xeración con 100 Mbps de velocidade en 6 centros educativos das provincias de Coruña, Pontevedra e Ourense, que se suman aos 199 centros aos que xa se lles facilitara o acceso a esta tecnoloxía no último ano.

A mellora destas infraestruturas de telecomunicación posibilita, ademais do incremento da velocidade de conexión, o acceso simultáneo dun maior número de usuarios e a posibilidade de traballar cun maior número de aplicacións informáticas.

Con esta actuación búscase dotar tanto ás cidades como ao rural da mellor conectividade posible, e de colocar á comunidade educativa na vangarda do progreso, con proxectos como o ABALAR para integrar as TIC no sistema educativo.

A mellora da conectividade dos centros educativos é posible grazas á posta en marcha pola Xunta do Plan de Banda Larga de Galicia, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGAs) coas velocidades máis punteiras.

A implantación de redes de 100 Mbps permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida. Deste xeito o alumnado poderá ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; poderán conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permitirá o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.

Plan de Banda Larga
Para o desenvolvemento de proxectos como ABALAR e para a integración das TIC en todos os ámbitos administrativos é fundamental contar infraestruturas de telecomunicación adecuadas. Por iso, a Xunta puxo en marcha ano o Plan de Banda Larga 2010-2013, que posibilitará que tanto os centros administrativos como os cidadáns teñan acceso a un servizo de Internet de calidade que lles permita integrarse de xeito efectivo na sociedade da información.

Unha das actuacións do Plan é a extensión de redes de nova xeración con velocidades de 100 Mbps. O obxectivo final desta actuación é darlle cobertura a máis de 1 millón de habitantes con estas redes punteiras, que permiten fornecer servizos innovadores, mellorar a calidade ofrecida ao cliente e adaptarse máis rapidamente ás novas Tecnoloxías da Información e Comunicación.