Xa están dipoñibles no portal Open Data da Xunta os resultados das eleccións 2012 ao Parlamento de Galicia en formatos abertos

Domingo 18 de Novembro de 2012

Xa están dipoñibles no portal Open Data da Xunta os resultados das eleccións 2012 ao Parlamento de Galicia en formatos abertos

A Xunta vén de publicar estes datos no espazo Abert@s, http://abertos.xunta.es, facilitando a súa reutilización e a creación de aplicacións e prestacións por parte de cidadáns e empresas

O pasado mes de setembro se incorporaron a Abert@s os resultados de 2009 e 2005, que rexistraron ata hoxe máis de 1.700 descargas e foron empregados para crear a aplicación “Eleccións Galicia”

Esta iniciativa Open Data da Xunta púxose en marcha en marzo e conta xa con máis de 250 conxuntos de datos

A Xunta de Galicia publicou esta semana no seu portal Abert@s, http://abertos.xunta.es, os resultados definitivos das eleccións ao Parlamento galego do pasado 21 de outubro. Así as empresas e cidadáns que o desexen poden acceder a esta información en formatos abertos, o que lles permite reutilizalos e crear posibles aplicacións e prestacións.

Ao igual que os datos publicados en setembro sobre os comicios de 2009 e 2005, a información está dispoñible en dous ficheiros, un que agrupa os resultados electorais por concellos e outro que mostra a súa distribución por mesas electorais. A información dispoñible inclúe os datos do censo de electores, os indicadores de voto, abstención e os votos acadados por cada formación política que presentou candidatura.

Deste xeito dáselle continuidade á publicación de resultados electorais en Abert@s, despois de que no pasado mes de setembro se incorporaran ao portal os datos das eleccións galegas de 2009 e 2005 e que que rexistraron máis de 1.700 descargas ata hoxe. Ademais, esta información foi reutilizada pola empresa galega do sector TIC, Bahía Software, e  polo xornal El Correo Gallego para crear a aplicación Eleccións Galicia, que permite consultar os resultados dos procesos de eleccións ao Parlamento de 2005 e 2009 e obter, en tempo real, o avance do escrutinio de futuras xornadas electorais (como aconteceu cos avances do pasado 21 de outubro).

Coa apertura destes datos e a súa posta a disposición en formatos reutilizables, a Xunta de Galicia dá un paso máis no cumprimento dos principios de goberno aberto cos que se puxo en marcha, o pasado mes de marzo, esta iniciativa Open Data e que se basean na transparencia e na promocion da reutilización da información do sector público.

Materia prima para novas aplicacións e servizos
No portal Abert@s, publicase información de interese público da Administración galega e dos seus organismos de gran valor pola súa fiabilidade e calidade pero que non estaban adaptados para ser empregados por terceiros ou ben dispersos. Actualmente Abert@s ten publicados máis de 250 conxuntos de datos.

Os datos están dispoñibles en formatos estándar, abertos e interoperables, en liña coa promoción difusión e fomento da utilización de tecnoloxías baseadas en software libre e de fontes abertas que está a impulsar a Xunta a través do Plan Floss.

Esta iniciativa de Open Data supón elemento xerador de emprego e riqueza ao abrir a posibilidade de novas oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear novas aplicacións e prestacións en base a esta información.

Ademais, esta información é especialmente relevante para o sector infomediario, isto é a para a industria de contidos dixitais que atopará materia prima para crear novos produtos e servizos e aplicacións de valor engadido.