Xa está dispoñible no portal Abert@s a información do DOG en formatos reutilizables que posibilitan a creación de novas aplicacións
Pódese acceder a través do sistema RSS á toda a información actualizada das diferentes seccións do Diario Oficial de Galicia
Para subscribirse só é necesario dispoñer dun lector RSS e elixir as seccións das que desexa recibir información
http://abertos.xunta é unha iniciativa Open Data da Xunta, que se puxo en marcha hai un ano, e conta con máis de 250 conxuntos de datos en formatos abertos
Son datos de carácter xeográfico, estatístico, meteorolóxico, turístico, social ou económico entre outros, xerados pola propia Administración, e de gran valor pola súa fiabilidade e calidade que non estaban adaptados para ser empregados por terceiros
Os datos publicados no Diario Oficial de Galicia están xa dispoñibles no Portal Abert@s da Xunta http://abertos.xunta. Así, as empresas e cidadáns que o desexen poden acceder a esta información en formatos abertos, o que lles permite reutilizalos e crear posibles aplicacións que faciliten o acceso a estes datos desde diferentes dispositivos.
O acceso á actualidade do DOG é posible mediante unha subscrición por RSS, un sistema sinxelo para que o usuario reciba directamente no seu dispositivo a información actualizada do seu interese. Só é preciso contar cun lector RSS.
Esta é a ultima incorporación a esta iniciativa Open Data da Xunta, que se puxo en marcha hai un ano para facilitar o acceso á información xerada pola Administración para a súa reutilización.
Con esta publicación son xa 14 os conxuntos de datos publicados en Abert@s que facilitan o acceso a servizos RSS de información de actualidade da Administración galega, tras a incorporación ao portal, entre outros, dos servizos RSS a Plataforma de Contratación Pública de Galicia, de Xunta de Galicia, Sergas, MeteoGalicia, EGAP, INEGA, iMit...
Últimas publicacións en Abert@s
Entre os últimos conxuntos de datos publicados en Abet@s está o Xeoportal do inventario de infraestruturas e equipamentos municipais da provincia de Pontevedra, que recolle o inventario e a situación das infraestruturas e equipamentos de competencia municipal dos concellos con poboación inferior a 50.000 habitantes. Este documento inclúe, entre outros, datos sobre poboación, vivendas, urbanismo, transporte, abastecemento de auga, rede de saneamento, servizos urbanos dispoñibles e equipamentos (casas consistoriais, centros asistenciais, centros de ensinanza, instalacións deportivas, parques...).
Cómpre destacar, tamén, a publicación dos resultados das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2012, 2009 e 2005. Unha información que, nos tres casos, está dispoñible en dous ficheiros, un que agrupa os resultados electorais por concellos e outro que mostra a súa distribución por mesas electorais. Inclúense tamén os datos do censo de electores, os indicadores de voto, abstención e os votos acadados por cada formación política que presentou candidatura.
Seguintes publicacións
Está prevista a publicación nos vindeiros días dos datos das eleccións municipais de 2001 e estase a traballar para incorporar a Abert@s a información en formatos reutilizables de diferentes rexistros administrativos da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza como as fundacións de interese galego, asociacións, entidades locais ou empresas de xogo.