Unha sesión demostradora do CDTIC abordará as últimas innovacións enerxéticas e tecnolóxicas nas estacións de servizo
A xornada “Encontro aberto de actualidade enerxética e tecnolóxica nas estacións de servizo” impartirase o día 22 de outubro en horario de 16.15 a 20.00 horas nas instalacións do Centro Demostrador TIC.
A actividade, organizada pola peme galega Prom Sistemas Informáticos, está destinada principalmente ao empresariado de estacións de servizo, distribuidores de carburantes e empresas instaladoras.
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/.
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá o 22 de outubro a sesión “Encontro aberto de actualidade enerxética e tecnolóxica nas estacións de servizo” (https://cdtic.xunta.es/estacions-servizo) que se impartirá en horario de 16.15 a 20.00 horas.
Esta sesión demostradora dará a coñecer as innovacións tecnolóxicas relacionadas con aspectos como a seguridade no punto de venda con fluxos de efectivo controlados; a fidelización da clientela; a lexislación tributaria e medioambiental, e a prevención de riscos laborais; o coñecemento remoto da situación da estación; ou as ferramentas para a redución de custos hora/persoa.
A actividade está pensada, principalmente, para responsables de estacións de servizo, distribuidores de carburantes e empresas instaladoras. Prom Sistemas Informáticos é a empresa encargada de impartir esta sesión demostradora. Trátase dunha compañía galega dedicada á implantación de solucións ERP (siglas en inglés de Enterprise Resource Planning) verticais para sectores diferenciados.
Para asistir a esta xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para acudir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poden desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.