Unha guía editada polo Issga recolle boas prácticas para evitar riscos entre os profesionais do sector eléctrico

Mércores 15 de Decembro de 2010

Unha guía editada polo Issga recolle boas prácticas para evitar riscos entre os profesionais do sector eléctrico

A Asociación de Industriais Electricistas e de Telecomunicacións da Coruña, que colaborou nela, distribuirá a publicación entre as empresas deste eido

Unha guía editada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) en colaboración coa Asociación Provincial de Industriais Electricistas e de Telecomunicacións da Coruña (Asinec) recolle un decálogo de boas prácticas para evitar riscos neste sector e asegurar unha actividade laboral máis segura.

Os contidos da publicación son eminentemente prácticos na análise dos riscos e danos derivados do contacto coa electricidade na práctica da actividade laboral. A guía recompila os conceptos e medidas preventivas e ofrece pautas de actuación en situacións de emerxencia.

Así o sinalou a directora do Issga, Adela Quinzá-Torroja, no acto de presentación da publicación, á que asistiron representantes de entidades e asociacións profesionais do sector.

A Asociación Provincial de Industriais Electricistas e de Telecomunicacións da Coruña encargarase de distribuír esta publicación entre as 350 empresas vinculadas a ela, que dan traballo a unhas 3.000 persoas.

Tamén se repartirá entre as asociacións que forman parte da federación nacional, dado que é a primeira publicación que reúne os distintos conceptos relacionados con este eido de actividade e as recomendacións prácticas para facer máis segura a actividade laboral dos seus profesionais.