Unha delegación do Goberno vasco visita Galicia para coñecer a estratexia tecnolóxica da Xunta

Xoves 18 de Outubro de 2012

Unha delegación do Goberno vasco visita Galicia para coñecer a estratexia tecnolóxica da Xunta

A directora da Amtega mantivo unha reunión de traballo con responsables da Administración autonómica do País Vasco

Mar Pereira expuxo os principais fitos da Axenda Dixital galega como a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, a posta en marcha do CPDI e os avances do Plan de Banda Larga da Xunta

Galicia é a única comunidade autónoma que conta neste momento cun modelo de xestión integrada das TIC, centralizado na Amtega, e que permitiu xa a consolidación dun aforro anual de 6 millóns de euros

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, reuniuse esta mañá na sede da Amtega co viceconselleiro de Administracións Públicas do País Vasco, Carmelo Arcelus, o director xeral de Informática e Telecomunicacións Jaime Domínguez-Macaya e directora da Sociedade Informática do Goberno vasco, Agustín Elizegi.

Os representantes do Goberno autónomo vasco achegáronse a Galicia para coñecer de primeira man a estratexia tecnolóxica da Xunta e mostraron o seu interese no proceso de creación da Amtega, na posta en marcha do Centro de Proceso de Datos Integral e no deseño e desenvolvemento do Plan de Banda Larga da Xunta.

Amtega e CPDI, piares da estratexia tecnolóxica da Xunta
Coa creación da Amtega cumpriuse un dos fitos chave da Axenda Dixital de Galicia 2014.gal e Galicia conta cun único órgano que xestiona de xeito centralizado toda a política tecnolóxica da Xunta e aglutina, actualmente os medios humanos, materiais e orzamentarios da área TIC de seis consellerías. É un modelo de xestión integrada das TIC baseada na concentración de compras e en economías de escala consolidando un aforro anual en gasto tecnolóxico de 6 millóns de euros.

Xunto coa creación da Amtega a posta en marcha do Centro de Proceso de Datos Integral do Gaiás é outro dos piares da estratexia tecnolóxica da Xunta. Os representantes do Goberno vasco tiveron ocasión de realizar unha visita a esta plataforma tecnolóxica de altas prestacións, que é unha peza chave para a modernización dos servizos públicos. O CPDI, está en proceso de consolidación e se están a integrar nel as funcións dos 80 CPD existentes ata o de agora na Administración autonómica, dos cales o 90% carecen de capacidade de crecemento e están afectados por problemas de refrixeración, de dispoñibilidade e de consumos excesivos de enerxía eléctrica, que dificultan unha xestión eficiente. O proceso de consolidación xa permitiu a eliminación de 14 destes centros de procesos de datos.

Plan de banda larga, 
Outro dos proxectos que quixo coñecer en detalle a delegación vasca foi o Plan de Banda Larga da Xunta para dotar de cobertura a toda Galicia. Un plan que se puxo en marcha en 2010, tras un exhaustivo estudo da situación das infraestruturas de telecomunicación na Comunidade, que detectou que só o 71% dos galegos tiñan acceso acceder ao servizo de internet. Tres anos despois, esta porcentaxe supera o 95% e a finais de ano incrementarase ata máis do 97%. Ademais, o plan tamén posibilitou que máis de 1 millón de galegos poidan acceder a redes de 100 Mbps.