Unha delegación do Goberno das Illas Canarias visita a Amtega para coñecer o modelo de xestión integral das TIC da Xunta

Domingo 18 de Marzo de 2018

Unha delegación do Goberno das Illas Canarias visita a Amtega para coñecer o modelo de xestión integral das TIC da Xunta

• A directora da Axencia pública autonómica e o seu equipo directivo expuxeron á delegación canaria o proceso de integración do capital humano e os recursos económicos e materiais do ámbito tecnolóxico da Xunta nun só organismo

• Os máximos responsables das áreas tecnolóxicas de Goberno autonómico de canarias visitaron o CPDI e coñeceron as principais iniciativas da Axenda Dixital galega

 

A directora da Amtega, Mar Pereira, e o equipo directivo da Axencia mantiveron esta semana dúas xuntanzas de traballo cunha delegación do Goberno das IIlas Canarias que se trasladaron esta semana a Galicia para coñecer de primeira man o proceso de creación da Axencia pública que xestiona a política tecnolóxica da Xunta.

A delegación canaria encabezada polos directores xerais de Telecomunicacións e Novas Tecnoloxías,  Manuel Ángel Castellano, e de Modernización e Calidade dos Servizos, Pablo Javier Hernández, interesouse polo proceso de integración baixo unha mesma dirección todos os recursos materiais e orzamentarios implicados nas políticas tecnolóxicas da Xunta .

Xestión integral e traballo por obxectivos

A creación da Amtega en 2012  foi unha aposta do Goberno galego por un modelo de xestión das TIC integrado para prestar mellores servizos, máis eficaces e con menor custe, evitando duplicidades administrativas e establecendo unha formulación de traballo por obxectivos

No modelo de xestión que rexe a Amtega, os obxectivos e liñas de actuación do orzamento  recóllense  no Plan de Acción Anual de Amtega que aproba o seu Consello Reitor. Tal como establecen os estatutos da Amtega tanto o Plan anual como as memorias de avaliación anuais dos resultados acadados son públicos  e se enmarcan no contrato de xestión plurianual desta Axencia aprobado polo Consello da Xunta.

Este modelo de xestión integral das TIC permitiu consolidar un aforro anual no gasto tecnolóxico de máis de 7 millóns de euros grazas á: centralización de compras, á negociación única no pagamento de licenzas cando é imprescindible, ao fomento do emprego do software libre e á integración do gasto en telefonía e comunicación e á consolidación de infraestruturas nun único CPDI. Precisamente, o Centro de Datos Integral da Xunta foi outro dos puntos de visita da delegación do Goberno Canario.

Axenda Dixital de Galicia

En 2018 a Amtega xestiona un orzamento superior aos e 102 millóns de euros  para afrontar os obxectivos marcados na Axenda Dixital de Galicia 2020, con plans centrados na dixitalización dos servizos públicos, do tecido empresarial, a modernización de sectores tradicionais da economía galega, o impulso de proxectos tractores co sector TIC e a extensión de redes ultrarrápidas na Comunidade.