Un total de 73 empresas galegas foron preseleccionadas para acceder ás axudas do Ministerio de Industria para impulsar o uso das TIC no sector hoteleiro e de turismo rural

Luns 20 de Agosto de 2012

Un total de 73 empresas galegas foron preseleccionadas para acceder ás axudas do Ministerio de Industria para impulsar o uso das TIC no sector hoteleiro e de turismo rural

A iniciativa "Aloxamentos conectados", ten un orzamento de 732.000 na Comunidade para fomentar a presenza en Internet e a utilización de aplicacións informáticas na xestión da estanza turística

O programa está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Un total de 73 empresas galegas foron preseleccionadas para acceder ao programa "Aloxamentos conectados", posto en marcha polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de red.es, e en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. A iniciativa ten como obxectivo que as pemes hoteleiras e os aloxamentos de turismo rural da Comunidade Autónoma incorporen solucións tecnolóxicas para mellorar o seu negocio.

As axudas, cun importe total en Galicia de 732.511 euros, están enfocadas a áreas fundamentais da cadea de valor do sector turístico como as reservas, a xestión da estanza, a mercadotecnia e a atención postvenda, ademais de servizos para potenciar a actividade dos seus negocios en Internet.

As subvencións estaban dirixidas a autónomos, micropemes e pemes de ata un máximo de 49 empregados, dentro do sector hoteleiro e de aloxamentos de turismo rural. O programa oferta aos beneficiarios tres tipos de solucións e servizos tecnolóxicos:

Solución de Xestión da Propiedade (PMS), que permita axilizar a operativa dun establecemento hoteleiro ou dun aloxamento rural, inclúe equipamento, instalación da solución e servizos asociados.
Servizos para mellorar a web a través da realización de contidos audiovisuais ou dunha auditoría en usabilidade, posicionamento e estrutura da información.
Servizos de mercadotecnia online coa elaboración dun plan estratéxico, a mellora da xestión de clientes, a adecuación das bases de datos á normativa vixente ou a reputación online da marca, entre outros.

Outras actuacións do Programa

Ademais da oferta de solucións e servizos tecnolóxicos, o programa complétase coa realización de talleres de capacitación e coa posta en marcha dun portal de apoio.

Talleres de capacitación

Desenvolveranse 45 sesións de carácter eminentemente práctico no conxunto de Comunidades Autónomas ás que vai dirixido o programa. Neles, espérase que asistan máis de 900 autónomos e pemes do sector hoteleiro e de turismo rural.

O seu principal obxectivo é ofrecer ás empresas as claves para a utilización das distintas canles de distribución a través de Internet, tanto de promoción coma de comercialización. Ademais, nos talleres, realizaranse sesións prácticas impartidas polas principais canles de busca e reserva a través de Internet (directorios e centrais de reserva) que foron seleccionados mediante un procedemento de convite público e, que, adicionalmente, colaborarán nas actuacións do programa.

Creación dun portal de apoio

A iniciativa considera a dinamización dun espazo web (www.alojamientosconectados.es) cuxo obxectivo é ofrecer información ao sector. No mencionado portal, os empresarios poderán encontrar información sobre o programa, axudas e talleres, informes, sobre o sector, manuais formativos e exemplos de boas prácticas enfocadas ao sector hoteleiro e de turismo rural (mercadotecnia dixital, redes sociais, fidelización de clientes, posicionamento web e calidade, entre outros temas).

Sobre o programa Aloxamentos conectados

"Aloxamentos conectados" desenvólvese nas once comunidades e nas dúas Cidades Autónomas beneficiarias dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER): Andalucía, Aragón, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade Valenciana, Extremadura, Galicia, Canarias, Ceuta, Melilla, Murcia e Navarra.

Esta iniciativa, desenvolvida no marco do programa "Empresas en Rede", que a entidade pública leva a cabo en colaboración cos gobernos autonómicos, conta cun presuposto total de 8,3 millóns de euros, achegados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e cofinanciados ata o 70% con fondos da Unión Europea. Do importe global, 6,8 millóns de euros corresponden á convocatoria de axudas e o resto ás distintas actuacións do programa.

"Aloxamentos conectados" conta coa colaboración da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), dependente do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, que traballou conxuntamente con red.es na definición do programa e prestará apoio, na súa difusión entre as empresas obxectivo do mesmo. O programa conta tamén co apoio da Confederación Española de Hoteis e Aloxamentos Turísticos (CEHAT) que representa a 64 asociacións hoteleiras de ámbito local ou provincial repartidas por toda a xeografía española.

Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

Este proxecto púidose levar a cabo grazas ao cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o que permite contribuír a mellorar a cohesión social das rexións españolas mediante a corrección dos principais desequilibrios rexionais, a través da entidade pública empresarial Red.es, que se encarga de fomentar o desenvolvemento do ámbito produtivo, o desenvolvemento tecnolóxico e a sociedade da información.