Un total de 70 voluntarios e 25 entidades colaboradoras se adheriron xa ao Programa de Voluntariado Dixital da Xunta nos primeiros catro días desde a apertura da convocatoria
Desde o pasado 1 de febreiro e ata o 29 deste mesmo mes as entidades colaboradoras e os voluntarios poden rexistrarse para participar na iniciativa a través da web http://voluntariadodixital.xunta.es
O voluntario dixital deberá ser maior de 18 anos e ter un coñecemento tecnolóxico de usuario medio
Terán á súa disposición un programa de capacitación incluído no Plan de Formación do Voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude para poder realizar as actuacións de apoio dixital
A iniciativa articúlase sobre a figura do voluntario dixital, as entidades de acción voluntaria, organismos públicos e privados e empresas tecnolóxicas que actuarán como mecenas dixitais
Unha unidade de coordinación, integrada por profesionais da Administración, porá en contacto as organizacións de voluntariado e aos voluntarios para a realización das iniciativas de inclusión dixital
Nesta primeira convocatoria as accións de apoio dixital dirixiranse aos colectivos de maiores e persoas con discapacidade
Desde o pasado 1 de febreiro os interesados en colaborar no Programa de Voluntariado Dixital, promovido pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, poden facelo rexistrándose na web http://voluntariadodixital.xunta.es. Nos primeiros catro días desde a apertura da convocatoria adheríronse ao programa 70 voluntarios e 25 entidades, entre as de acción de acción voluntaria, organismos colaboradores e mecenas dixitais.
O perfil de voluntario dixital é o de un internauta maior de 18 anos, cun coñecemento tecnolóxico de usuario medio capaz de axudar cos seus coñecementos e sentido da solidariedade á alfabetización dixital.
Tras rexistrarse na web e, unha vez que a unidade de coordinación VolDixital comprobe que o perfil é o axeitado, os voluntarios terán á súa disposición un programa de capacitación incluído no Plan de Formación do Voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude para poder realizar as actuacións de apoio dixital, quen tamén asumirá o seguro de accidentes e responsabilidade civil dos mesmos. Esta unidade unidade de coordinación será a encargada de canalizar a oferta de voluntarios e a demanda que realicen as entidades voluntarias ao rexistrarse no portal.
Ademais da formación, os voluntarios recibirán o recoñecemento ao seu labor en forma de certificación da súa participación nas actividades que desenvolvan e terán a posibilidade de poñerse en contacto con profesionais do sector galego das novas tecnoloxías, o mundo empresarial e o terceiro sector.
Entidades colaboradoras e mecenas dixitais
No programa colaboran tamén as entidades de acción voluntaria, entidades colaboradoras e os mecenas dixitais. Os primeiros son organizacións non gubernamentais e de acción voluntaria que participarán directamente na execución do proxecto e deberán estar inscritas no Rexistro e acción voluntaria da Xunta. Para incorporarse ao programa deben rexistrarse como entidade de acción voluntaria na web, e solicitar voluntarios para proxectos do ámbito dixital que xa se están a desenvolver ou outras iniciativas relacionadas coas TIC que desexen poñer en marcha.
As entidades colaboradoras son organismos públicos e privados que representan intereses profesionais, académicos, empresariais ou sociais e que realizarán actividades de difusión entre os seus colectivos de actuación, cedendo o uso de espazos TIC e participando na selección e formación de voluntarios.
Os mecenas dixitais son as empresas privadas do sector que contribuirán economicamente no programa de formación, na doazón de equipamento TIC e outros bens, na cesión de uso de espazos TIC, apoiando a comunicación ou financiando eventos específicos. A adhesión das entidades públicas e privadas e as empresas realizarase a través da sinatura dun convenio. A día de hoxe o programa xa conta con 10 empresas que actuarán como mecenas dixitais
Incrementa a oferta pública de alfabetización dixital
O programa estará aberto a toda cidadanía pero establece para esta primeira convocatoria como colectivos prioritarios os que presentan mais posibilidades de verse afectados pola fenda dixital: maiores e persoas con discapacidade. As actividades do Programa de Voluntariado dixital permitirán estender este ano a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federación de persoas con discapacidade, que representan o 92% deste colectivo en Galicia, reforzando así as actuacións para reducir a fenda dixital.
Máis de 560 aulas públicas
O Programa de Voluntariado Dixital contará coa infraestrutura e equipamento tecnolóxico cos que conta a Adminstración autonómica como as 98 aulas da Rede de aulas CeMIT, as máis de 300 bibliotecas públicas, os 79 centros sociocomunitarios, os 81 centros CeDIM e outros recursos que poñan á disposición do programa tanto os mecenas como as entidades colaboradoras.
A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas TIC e o aproveitamento das infraestruturas públicas para incrementar as accións de alfabetización dixital. Por iso contará coa colaboración e compromiso de persoas voluntarias, entidades de acción voluntaria, organismos públicos e privados e empresas que actuarán como mecenas dixitais.