Un total de 32 familias e empresas de Vigo e a súa área solicitaron as axudas da Xunta para acceder a internet vía satélite
A práctica totalidade dos solicitantes contrataron servizos de 20 megas de velocidade
Aos beneficiarios sufráganselle con ata 150 euros os gastos de instalación e o equipamento no interior das vivendas ou empresas (router wifi, etc) e a alta de liña e o primeiro mes son gratuítos
É a segunda convocatoria do programa de axudas do Plan de Banda Larga para o acceso a Internet das zonas con máis dificultades de cobertura
As solicitudes incrementáronse na provincia de Pontevedra máis dun 40% respecto ao ano 2012
Un total de 32 familias e empresas solicitaron en dous meses ás axudas da Xunta para contratar o servizo de conexión a internet vía satélite. Esta actuación corresponde a última liña do Plan de Banda Larga da Xunta e está destinada ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible a través desta tecnoloxía.
Estas axudas, das que en toda Galicia xa se beneficiaron 700 familias e pemes en 2012 e máis de 800 este ano, terán unha terceira convocatoria en 2014. O orzamento total deste programa supera o millón de euros e se puxo en marcha grazas a un acordo asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Medio Rural e do Mar, que a través de Agader, achega o importe total das axudas euros no período 2012-2014.
Das 32 solicitudes realizadas, a maioría corresponden ao Concello de Vigo, seguido de Mos, Salceda de Caselas, Gondomar, Redondela ou Cangas. Con todo, as solicitudes incrementáronse na provincia de Pontevedra máis dun 40% respecto ao ano 2012.
Beneficiarios e importe das axudas
Os beneficiarios destas subvencións son familias e empresas con enderezo en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.
Aos solicitantes sufráganselles os gastos de instalación e o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír o sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes é gratuíto para os beneficiarios. A práctica totalidade dos beneficiarios solicitaron servizos de internet de 20 Mbps.
Plan de Banda Larga en Vigo e área
Esta iniciativa forma parte do Plan de Banda Larga da Xunta levado a cabo pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende o seu inicio no ano 2010 e, ata o día de hoxe, facilitou que máis de 74.700 habitantes dos 14 concellos que conforman a área territorial de Vigo que carecían de cobertura, agora dispoñan de acceso a Internet.
Antes do Plan, 87.225 persoas dos 14 concellos da área non podían acceder a este servizo e, coa implantación do Plan, a porcentaxe de poboación con cobertura no conxunto da Área Metropolitana pasou do 81,8% en 2010 a preto do 98% a día de hoxe, quedando ademais a posibilidade de cobertura vía satélite para os casos con maiores dificultades e problemas de acceso.
No caso de Vigo cidade, posibilitouse o acceso a máis de 35.700 persoas, o que supón un 12% da poboación que tiña problemas de cobertura e que, sobre todo, pertencen a zonas do rural. Concretamente, distintas parroquias da cidade que tiñan especiais dificultades de cobertura coma Bembrive, San Andrés de Comesaña, Beade ou Zamáns chegaron a duplicar e triplicar a súa cobertura inicial. Neste senso, a cidade pasou de ter unha cobertura inicial do 85% a unha final de preto do 98%.