Un total de 32 concellos manifestaron xa a intención de adherirse á Rede de Centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica
A nova Rede posibilitará a posta en marcha de máis centros para apoiar a difusión das novas tecnoloxías en todo o territorio galego
A Xunta achegará aos concellos unha cantidade equivalente ao 80% do salario do axente TIC e ocuparase de dotar de equipamento informático ao centro e do mantemento técnico do mesmo
Os municipios da Rede CeMit terán a súa disposición o Plan de Alfabetización Dixital con 2.000 cursos de 14 categorías temáticas
A Fegamp e a Xunta asinaron un convenio de colaboración para fomentar a adhesión de máis municipios ao novo modelo de Rede
A día de hoxe un total de 32 concellos galegos dos 42 que estaban integrados na antiga Rede de Dinamización da Sociedade da Información de Galicia manifestaron a súa intención de adherirse ao novo modelo da Rede de Centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica (CeMit) da Xunta de Galicia que, entre outros aspectos, integra as aulas públicas de acceso a Internet existentes na Comunidade e co que se busca achegar a formación en novas tecnoloxías ao maior número de concellos posibles.
Un novo modelo de xestión
O antigo proxecto da Rede de Dinamización da Sociedade da Información comezou en xaneiro de 2007 en 98 entidades, entre concellos, asociacións e centros comarcais e hoxe está presente en tan só 42 municipios. Esta evolución puxo de manifesto a inadecuación do proxecto existente para garantir a sostibilidade e a continuidade dunha iniciativa necesaria para reducir a fenda dixital e aumentar a empregabilidade das novas tecnoloxías por parte dos galegos e galegas.
Por iso o novo modelo, creado en base aos criterios de eficiencia e eficacia, busca conseguir que a Rede se estenda ao maior número de concellos posible dun xeito sostible e perdurable no tempo grazas ao aforro en alugueres e evitando duplicidades de centros da Xunta que ofertan o mesmo servizo. Ademais, coa Rede CeMit promoverase a incorporación dos municipios interesados en dar este servizo baixo un criterio de concorrencia competitiva e non atendendo ao criterio único da Administración autonómica.
O novo modelo de xestión posibilitará a posta en marcha de novos centros e a contratación de máis axentes TIC para apoiar difusión das novas tecnoloxías en todo o territorio galego. Precisamente, estes obxectivos están recollidos nun convenio asinado o pasado 30 de abril entre a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Adhesión dos concellos
Os municipios interesados en incorporarse á Rede CeMIT deberán dispoñer dun local que cumpra os requisitos técnicos precisos e a Xunta achegará ao concello unha contía equivalente ao 80% do salario do axente TIC e ocuparase de dotar de equipamento informático ao centro e do mantemento técnico do mesmo. Ademais, a Administración autonómica facilitará unha ampla carta de servizos a través do Plan de Alfabetización Dixiltal, presentado o pasado 5 de abril.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica xa se puxo en contacto cos concellos pertencentes á antiga Rede de Dinamización para comunicarlles o remate dese proxecto ao tempo que se lles informa das vantaxes do novo modelo e do procedemento a seguir para a adhesión á nova Rede. Neste momento son 32 os concellos que xa manifestaron o seu interese en incorporarse á Rede CeMit.
Obxectivos da Rede CeMit
Os obxectivos da Rede, integrada por aulas dependentes da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, os telecentros da Secretaría Xeral de Medios e o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, da Consellería de Traballo e Benestar, son promover o uso das novas tecnoloxías na poboación, en especial naqueles colectivos onde a fenda dixital se fai máis evidente. Ademais, a Rede CeMit busca fomentar a formación entre os profesionais galegos para que sexan capaces de dar resposta ás necesidades, retos e proxectos dos diversos sectores do tecido produtivo relacionados coas TIC; proporcionar plans formativos adecuados ás novas demandas tecnolóxicas, multimedia e audiovisuais; dinamizar as pemes e micropemes, amosándolles as vantaxes da de fomentar o uso das TIC no tecido empresarial, divulgar e capacitar os servizos da Administración Electrónica.
Plan de Alfabetización Dixital
A través do Plan de Alfabetización Dixital da Rede, que a Xunta facilitará aos municipios que se adhiran á Rede CeMit, impartiranse máis de 2.000 cursos repartidos en 14 categorías temáticas, o que suporá máis de 15.000 horas de formación dos que se beneficiarán arredor de 13.000 persoas. Estas actividades formativas intentan dar cobertura ás necesidades detectadas na maior parte dos colectivos, facendo especial fincapé naqueles onde a fenda dixital se fai máis evidente. Con este obxectivo realizaranse durante este ano uns 1.200 cursos de alfabetización dixital, o que supón máis do 60% da formación impartida pola Rede. Tamén se desenvolverán diferentes accións especializadas e de carácter técnico para os profesionais TIC galegos, ocupados ou en busca de emprego. Algúns destes cursos, que suman arredor de 3.000 horas lectivas, incorporan certificación oficial ao seu remate.
Os diferentes servizos teñen como público obxectivo cinco colectivos: a cidadanía, na que se inclúen os desempregados, maiores, inmigrantes, mulleres e persoas con discapacidade; os profesionais das TIC, tanto ocupados como desempregados; as empresas, micropemes e autónomos; os empregados públicos; e os axentes territoriais, colectivo que agrupa aos servizos municipais, asociacións civís, empresariais, Ongs, Anpas etc
Áreas formativas
Os usuarios da Rede CeMIT poderán mellorar as súas habilidades na área de novas tecnoloxías en temas como a orientación laboral, as redes sociais, o comercio e banca, ocio e servizos da rede, a Administración Electrónica, a xestión de empresas, equipamento TIC e conectividade, ofimática, seguridade TIC, alfabetización dixital, multimedia e audiovisual, comunicacións TIC, deseño gráfico e tratamento de imaxes e formación TIC avanzada. Preto de 3.000 horas de formación para achegar as novas tecnoloxías a toda a sociedade galega.
A oferta de servizos da Rede comprende tres áreas, a formativa que pode ser presencial (cursos e obradoiros) ou on-line (básica ou multimedia); de difusión con charlas e xornadas de sensibilización e divulgación das actuacións dos centros; e o servizo de “aula aberta”, que posibilitará o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento dos centros co apoio e asesoramento dos dinamizadores.
Á marxe das actividades e das actuacións sinaladas, a nova Rede tamén desenvolverá outras iniciativas que os axentes TIC e os concellos decidan poñer en marcha ante unha demanda existente ou a percepción de certas necesidades formativas dun colectivo determinado. Nesta mesma liña están os proxectos ou colaboracións con outros organismos ou entidades tanto asociacións de carácter social, cultural, Ongs, servizos públicos sociais ou da propia Administración.