Un total de 149 centros públicos da Xunta contan xa con dispositivos tecnolóxicos adaptados para persoas con discapacidade grazas ao programa "TIC TAC Galicia"
Esta iniciativa, que contou cun investimento de 820.000 euros, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, desenvólvese en virtude do convenio asinado entre a Xunta e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio
Distribuíronse máis de 150 portátiles e instaláronse 150 PCs, 181 kits de discapacidade e 60 lectores de Dnie
Os centros beneficiados abranguen aulas de acceso a Internet, bibliotecas públicas, hospitais, aulas de formación e centros de atención a persoas con discapacidade
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, xunto co Ministerio de Industria, Turismo e comercio, a través da Entidade Pública red.es, vén de completar a instalación do equipamento do programa "TIC TAC Galicia", dotando a 149 centros públicos de dispositivos tecnolóxicos adaptados para persoas con discapacidade. Esta iniciativa desenvolveuse grazas ao convenio asinado entre este Ministerio, e a Xunta de Galicia, e contou cun investimento de 820.000 euros na Comunidade, financiada pola Entidade Pública e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Entre os obxectivos principais do programa TIC TAC está reforzar con novo equipamento os centros públicos para mellorar a accesibilidade á sociedade da información das persoas con discapacidade a través de actividades formativas e do uso da administración electrónica.
Así o explicou esta mañá a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, nunha rolda de prensa celebrada na Biblioteca Nodal de Santiago, un dos centros que dispón deste equipamento. No acto interviñeron ademais, a directora de Planificación de Programas de red.es, María Fernández, a directora xeral da Dependencia e Autonomía Persoal, Coro Piñeiro e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivo, Francisco López.
149 centros e máis de 500 dispositivos
En Galicia a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica seleccionou como beneficiarios desta axuda a 149 centros públicos de acceso a Internet, pertencentes a distintas consellarías e departamentos autonómicos entre os cales se inclúen 20 bibliotecas públicas, 89 centros adheridos a a Rede de aulas de Modernizacion e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), 14 centros hospitalarios, 8 parques naturais, 17 centros de atención a discapacitados e aulas de formación.
Nestes espazos instaláronse 150 ordenadores e 153 portátiles adaptados para que as persoas con discapacidade visual, auditiva, cognitiva ou motora poidan acceder a Internet. Así mesmo, dotóuselles de 181 kits de discapacidade e 60 lectores de DNI electrónicos.
Xunto coa instalación do equipamento, o programa TIC TAC contempla tamén a capacitación dos profesionais que asesorarán os usuarios no uso do equipamento. Estes profesionais recibiron xa unha primeira capacitación individual no uso dos dispositivos. A principios de abril esta formación ampliarase coa impartición dunhas xornadas de grupo nas que tamén aprenderán a orientar o público obxectivo deste equipamento. Ademais, tamén se poñerán en marcha xornadas de difusión para usuarios onde se lles informará do equipamento do que dispoñen, que pode achegarlles e do onde poden atopalo. Deste xeito, ao longo mes de abril os centros estarán plenamente capacitados para atender a todos aqueles usuarios que se acheguen para facer uso destes dispositivos.
Equipamento sen barreiras
Para deseñar o equipo informático e os dispositivos TIC adaptados, red.es traballou conxuntamente co Centro Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas (CEAPAT), dependente do Imserso. Este equipamento, que permite facer uso dun PC ao 60-70% das persoas con algún tipo de discapacidade, combina software específico e elementos periféricos. O kit de discapacidade inclúe ratos alternativos de bóla xigante e conmutadores, que facilitan o manexo para usuarios con dificultades motoras, ata controladores do ordenador sen mans, que permiten manexalo cun sinxelo movemento do queixo ou la cabeza. Tamén inclúe teclados con teclas de gran tamaño para facilitar a súa pulsación, recomendado para persoas con problemas de mobilidade e/ou visión; pantallas táctiles, que se activan por contacto coa pel e mediante instrucións acústicas, e brazos articuladores para facilitar a suxeición destes dispositivos. (Achégase listado con cada un dos dispositivos).
Plan de Persoas con Discapacidade
Esta iniciativa vén a dar cumprimento a un dos obxectivos específicos que recolle o Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia, que persegue “garantir a accesibilidade das persoas con discapacidade aos procesos de información e comunicación en igualdade de oportunidades que ao resto da poboación". Este plan ten como principal obxectivo mellorar a calidade de vida e os recursos que están á disposición das persoas con discapacidade.
Ademais, con este proxecto responde tamén ao carácter transversal do propio Plan, xa que esta é a primeira planificación de política en materia de discapacidade no que traballan da man a Administración autonómica no seu conxunto, representantes de entidades locais, movemento asociativo e axentes integrantes do Diálogo Social.
Sobre Plan Avanza 2
O programa TIC-TAC, do que se beneficiarán oito comunidades e unha cidade autónoma, está dotado na súa totalidade con 6,7 millóns de euros e enmárcase no Plan Avanza 2. A Estratexia 2011-2015 do Plan Avanza 2 pretende situar a España nunha posición de liderado no desenvolvemento e uso de produtos e servizos TIC avanzados, contribuíndo ao éxito dun modelo de crecemento económico baseado no incremento da competitividade e a produtividade, a promoción da igualdade social e rexional e a mellora do benestar e a calidade de vida dos cidadáns.
Sobre red.es
Red.es é a entidade empresarial adscrita ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (MITyC) encargada de impulsar o desenvolvemento de Sociedade da Información en España e executar proxectos no marco do Plan Avanza de acordo ás prioridades estratéxicas da Secretaría General de Telecomunicaciones y para la Sociedad de la Información (SETSI), traballando con Comunidades Autónomas, Deputacións, Entidades Locais e o sector privado en materia de Tecnoloxías de ión e la Comunicación.
Sobre FEDER
Este proxecto lévase a cabo grazas ao cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o que permite contribuír a mellorar a cohesión social das rexións españolas mediante a corrección dos principais desequilibrios rexionais.