Un seminario impulsado polo CDTIC abordará as vantaxes que ofrece o software libre para as empresas
Os días 11 e 13 de xuño celebrarase no Centro Demostrador TIC o seminario “Software libre e licenciamento” en horario de 10.00 a 14.00 h.
O colectivo destinatario deste seminario inclúe o persoal directivo e os responsables ou técnicos de empresas tecnolóxicas.
A asistencia a este curso é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC http://cdtic.xunta.es/licenciamento.
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acollerá os vindeiros días 11 e 13 de xuño o seminario “Software libre e licenciamento” (http://cdtic.xunta.es/licenciamento) que se impartirá en horario de 10.00 a 14.00 horas.
O programa destas dúas xornadas inclúe, entre outros temas, a explicación do concepto de software libre, así como de terminoloxía relacionada con el (open source, fontes abertas, floss...); as licenzas libres e os seus tipos; as motivacións, vantaxes e desvantaxes de liberar o software; a elección e a aplicación dunha licenza; as comunidades de software libre; ou os xeitos de gañar diñeiro con este tipo de software.
O seminario está especialmente pensado para o persoal directivo e os responsables ou técnicos de empresas TIC galegas. Os seus obxectivos principais son, por unha banda, amosar unha visión práctica sobre a liberación de software e, por outra, dar resposta ás principais preguntas ás que se enfronta quen se achega por primeira vez ao software libre, como as razóns para liberar o software, o xeito de facelo correctamente, onde atopar axuda, cando e onde liberalo ou se se poden obter beneficios co software libre.
A encargada de impartir este seminario será Mar Castro Pereiro, licenciada en Informática pola Universidade da Coruña e consultora especializada en software libre na empresa Igalia.
Como xestionar un proxecto de software libre
Ademais deste seminario sobre software libre e licenciamento, o CDTIC ten programada para os días 19 e 20 de xuño outra actividade formativa que leva por título “Xestión dun proxecto de software libre” na que se mostrarán as ferramentas para xestionar proxectos open source.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.