Un obradoiro de Economía e Industria na Coruña achega aos empresarios do sector TIC as estratexias de xestión de marcas

Mércores 20 de Xuño de 2012

Un obradoiro de Economía e Industria na Coruña achega aos empresarios do sector TIC as estratexias de xestión de marcas

A sesión formativa sobre branding que se desenvolve hoxe e mañá na Fundación Barrié forma parte do programa TicEmprende que está a desenvolver a Consellería

O obxectivo destas iniciativas é axudar ás empresas do sector a mellorar a súa competitividade a través da procura de novos mercados

A Consellería de Economía e Industria organiza o obradoiro TICemprende, que hoxe comezou a desenvolverse na sede da Fundación Barrié na Coruña, co obxectivo de dar a coñecer aos empresarios do sector TIC os fundamentos básicos sobre creación, desenvolvemento e xestión de marcas, así como as estratexias, técnicas, ferramentas e mellores prácticas neste ámbito.

A finalidade é conseguir que, deste xeito, os xestores poidan liderar con éxito procesos de branding TIC corporativo e de desenvolvemento de marcas en liñas de negocio, proxectos e produtos neste sector.

Esta iniciativa enmárcase dentro do Programa TICemprende, dentro do cal a Consellería de Economía e Industria impulsa, a través de BIC Galicia, unha serie de obradoiros prácticos que pretenden contribuír á implantación efectiva de procesos de mellora nas empresas TIC da nosa comunidade, a través do emprego de novas técnicas e ferramentas de xestión empresarial que conduzan á súa consolidación e a un incremento significativo da súa competitividade.

O obxectivo destes obradoiros é o de presentar novas tendencias e oportunidades de negocio para as empresas TIC que contribúan a orientar os seus procesos de innovación e a afianzar o seu posicionamento no mercado. O programa formativo baséase nunha metodoloxía de traballo asistida, interactiva e eminentemente práctica, mediante a cal se analiza a casuística das empresas participantes, combinando aprendizaxe con acción.

Diríxense ás empresas do sector TIC, fundamentalmente a pemes e micropemes na fase de consolidación, sendo o seu público obxectivo empresarios, directivos, responsables de área, técnicos e profesionais de empresas TIC involucrados no desenvolvemento ou mellora da área temática sobre a que trate cada un dos obradoiros.

As empresas e produtos TIC están sometidas a cambios extremadamente rápidos, aparición e desaparición de competidores ou substitutivos, tecnoloxías disruptivas, movementos corporativos, e todo elo nun marco de transmisión ao mercado case inmediato, no que as propias tecnoloxías de internet ou as redes sociais xogan un papel crucial no posicionamento das marcas.

Por iso resulta especialmente necesario que as empresas TIC adecúen as súas estratexias e accións de branding ao seu sector, desde o mesmo momento da concepción da marca, planificando co desenvolvemento a súa evolución futura, ou mesmo os procesos de transformación, migración ou integración da propia marca.