Un novo seminario organizado polo Centro Demostrador TIC aborda a xestión documental con software libre

Mércores 10 de Setembro de 2014

Un novo seminario organizado polo Centro Demostrador TIC aborda a xestión documental con software libre

Impartirase o día 16 de setembro en horario de 16.00 a 20.00 nas instalacións do Centro.
Esta actividade está destinada principalmente a autónomos e a directivos ou xestores de micro, pequena e mediana empresa.
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acollerá o día 16 de setembro o seminario “Xestión documental con software libre” (https://cdtic.xunta.es/xestion-documental-sfl) que se impartirá no CDTIC Galicia en horario de 16.00 a 20.00 horas.

A través deste seminario, de carácter eminente práctico, ademais de explicar que é a xestión documental e os seus beneficios e vantaxes para a empresa, as persoas asistentes poderán coñecer os criterios de selección dun sistema de xestión documental e dun provedor e cales son as diferentes alternativas de xestión documental que existen en software libre.

A xornada está destinada a profesionais autónomos, así como a persoal directivo ou xestor de micro, pequenas e medianas empresas. Os encargados de impartilo serán Víctor Fariña e Isis Edreira, da consultora Queres Tecnologías, unha empresa que proporciona servizos de consultoría e integración de sistemas e que está especializada en solucións de xestión de contido empresarial.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.