Un novo seminario organizado polo CDTIC mostrará as vantaxes do Software Libre para a xestión integral das empresas
A xornada impartirase o día 20 de novembro en horario de 16.00 a 20.00 horas nas instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela e poderá seguirse por streaming a través da páxina web do Centro.
A actividade está destinada principalmente a profesionais autónomos e xestores, directivos ou responsables de informática de pemes e micropemes.
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/xestion-integral-sfl.
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá o 20 de novembro un seminario de formación que leva por título “Xestión integral de empresas con Software Libre” (https://cdtic.xunta.es/xestion-integral-sfl) e que se impartirá en horario de 16.00 a 20.00 horas.
As persoas asistentes a esta actividade poderán coñecer as alternativas en software libre para a xestión integral dunha empresa e comprobarán de primeira man as vantaxes de aplicar estas solucións ao seu negocio, dende a completa integración dunha tenda en internet ata a xestión contable e financeira da empresa, pasando pola clientela, os provedores, os pedidos ou a xestión do almacén. Para iso, o programa do seminario inclúe unha parte teórica, na que se explicará que é un software de xestión integral de empresa (ERP) e as súas utilidades, mostraranse alternativas de ERP en software libre e indicaranse criterios para seleccionar un ERP libre e un provedor. Así mesmo, ao final da xornada exporase un caso práctico no que se demostrará como traballar cun ERP libre, dende a venda en liña ata a contabilidade con Odoo.
A actividade está orientada, principalmente, para persoas autónomas e para perfís directivos, xestores, mandos intermedios ou responsables do departamento informático de pemes e micropemes. O encargado de impartir o seminario será Santiago Argüeso Armesto, director técnico na empresa Pexego Sistemas Informáticos, que conta con máis de sete anos de experiencia realizando implantacións de software libre de xestión en diversos sectores.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/xestion-integral-sfl). Aquelas persoas que non podan desprazarse a Santiago de Compostela, poderán seguir o seminario vía streaming a través da páxina web do CDTIC.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.