Un novo portal electrónico de Economía e Industria apoia o emprendemento no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación

Domingo 15 de Abril de 2012

Un novo portal electrónico de Economía e Industria apoia o emprendemento no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación

A páxina constitúe unha nova ferramenta de información, aprendizaxe e apoio para os empresarios e profesionais deste sector

A través desta web facilítanse información e contactos de interese e créase un espazo colaborativo entre todos os axentes do sector

A Consellería de Economía e Industria promove o emprendemento no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) mediante un novo portal específico, a páxina Obxectivo Emprendemento TIC. Dispoñible no enderezo oetic.bicgalicia.es, constitúe unha nova ferramenta de información, aprendizaxe e apoio para emprendedores, promotores de proxectos e empresarios do sector das TIC de Galicia.

A nova web é unha guía estruturada para todos aqueles emprendedores e profesionais do sector TIC galego. Recolle e organiza as múltiples fontes de información por seccións, procurando accesos aos diferentes contidos a través de enlaces aos sitios web de entidades ou organizacións especializadas nesa área de coñecemento.

O portal nace coa finalidade de contribuír a fomentar iniciativas emprendedoras TIC en Galicia, servir de fonte de actualización do coñecemento no eido deste sector, ofrecer información e contactos de interese para emprendedores e, en definitiva, ser un espazo de colaboración para o desenvolvemento de proxectos profesionais e un punto de encontro entre ofertantes e demandantes de produtos e servizos TIC galegos.

Esta nova web estruturase en cinco grandes áreas: Achégate ao sector; Espazo do Emprendedor; Carteira Tecnolóxica, Espazo de Colaboración; e Axenda TIC. En ‘Achégate ao sector’, o usuario poderá encontrar enlaces a información sobre indicadores, publicacións, informes e estudos do sector TIC e da área do emprendemento, así como información sobre os diferentes servizos sen custo ofertados por asociacións e entidades TIC aos usuarios do portal.

En ‘Espazo do Emprendedor’ ofrécense enlaces a información sobre modelos de negocio, guías e manuais de apoio dirixidos aos emprendedores TIC, así como ao espazo de asesoramento da Rede Mentoring, a información sobre posibilidades de financiamento e internacionalización de proxectos e á Biblioteca Práctica de Innovación ‘Aprende a Innovar’ do Igape.

No apartado de ‘Carteira Tecnolóxica’, inclúense enlaces a información sobre oferta de servizos TIC e oferta de servizos tecnolóxicos na área das TIC, así como á información sobre aspectos como a vixilancia tecnolóxica, a transferencia de tecnoloxía, e a protección e explotación dos resultados de I+D+i.

En ‘Espazo de colaboración’ hai enlaces a información sobre a demanda de servizos TIC e tecnolóxicos, así como información sobre tecnoloxías emerxentes, demandas de emprego, normativas, licitacións, concursos, etc. E en ‘Axenda TIC’ o usuario pode atopar enlaces a información sobre noticias, eventos, posibilidades de formación, redes sociais ou blogs da área das TIC.