Un millón e medio de galegos xa teñen desde hoxe exclusivamente a TDT

Luns 01 de Febreiro de 2010

Un millón e medio de galegos xa teñen desde hoxe exclusivamente a TDT

A normalidade foi a tónica dominante nesta última xornada de apagados analóxicos correspondentes ás fases I e II. A complexidade técnica multiplicouse por vinte con respecto aos apagados que tiveron lugar en xornadas anteriores debido ao gran incremento de concellos e persoas que se incorporaron. As chamadas aos números de información cidadá rexistraron nesta xornada un lixeiro incremento. Hoxe rematou a dixitalización da práctica totalidade da provincia da Coruña e toda a provincia de Ourense, beneficiando a un millón e medio de persoas en 203 concellos da comunidade.

Á espera de recibir máis datos ao longo dos vindeiros días, o apagado analóxico deste luns transcorreu con normalidade e sen rexistrar grandes incidencias. Nesta xornada, catro das grandes cidades, Coruña, Ferrol, Santiago e Ourense, dixitalizáronse, ao igual que outros grandes núcleos de poboación como Narón ou o concello pontevedrés de Vilagarcía de Arousa. Os ceses de hoxe producíronse en centros emisores principais como o do Pedroso (en Santiago), o de Meda (en Ourense) ou o de Bailadora (en Ares). Así, tras os apagados previstos nas fases I e II da televisión dixital terrestre, concluídos nestes luns, o 56 por cento dos cidadáns, arredor de 1.550.000 galegos, pertencentes a 203 municipios da comunidade ven en exclusiva a televisión dixital terrestre. 

A pesar de que a complexidade técnica se multiplicou por vinte con respecto aos apagados que tiveron lugar en xornadas anteriores, xa que afectaron a un millón de persoas e aos principais núcleos de poboación, só se ten constancia de incidencias puntuais en Cerdedo, que xa foron solucionadas ao longo da tarde, en partes do concello de Laracha, a onde os técnicos xa se trasladaron para arranxar o problema e nunha parte do concello de Palas de Rei por unha incorrecta orientación de antenas. 

Dos 95 concellos nos que se desenvolveu o apagado hoxe, 45 pertencen á provincia da Coruña (Ames, Ares, A Baña, Bergondo, Boimorto, Boqueixón, Brión, Cabanas, Camariñas, A Capela, Cariño, Cerdido, A Coruña, Dumbría, Fene, Ferrol, Frades, Mazaricos, Mesía, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Negreira, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Ortigueira, Outes, Padrón, O Pino, Rois, Sada, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Toques, Tordoia, Trazo, Valdoviño, Vedra, Vilasantar e Vimianzo); 4 á provincia de Lugo (Carballedo, Pantón, Sober e O Vicedo); 40 á provincia de Ourense (Arnoia, Avión, Barbadás, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Carballeda de Valdeorras, Cartelle, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Coles, Cortegada, Entrimo, Esgos, Gomesende, Leiro, Lobeira, Lobios, Melón, A Merca, Nogueira de Ramuín, Ourense, Paderne de Allariz, Padrenda, Parada de Sil, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, A Pobra de Trives, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás, Ribadavia, Rubiá, San Cristovo das Viñas, San Xoán de Río, Taboadela, A Teixeira e Xunqueira de Espadañedo); e 6 á provincia de Pontevedra (Caldas de Reis, Catoira, Crecente, A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa). 

Chamadas rexistradas 
Polo que respecta ao número de chamadas rexistradas nos números de información ao cidadán, no 012 e no 981 572 154, da Oficina Técnica da TDT, estas experimentaron un lixeiro incremento ao longo do día de hoxe, tras a tendencia á baixa que rexistrada na pasada semana e durante este fin de semana (no fin de semana producíronse arredor de 225 chamadas no 012 e 20 na Oficina Técnica da TDT).