Un consorcio de empresas galegas e a USC presentan mañá no Centro Demostrador TIC a plataforma Nautigal para impulsar novos modelos de turismo náutico en Galicia
Estes modelos serán canalizados a partir de un portal que integrará servizos e produtos buscando a vertebración dun sector con forte presenza nas costas galegas, aínda que non unificado
A Nautigal é o resultado dun proxecto cofinanciado pola Consellería de Economía e Industria no marco do Plan Incite
A xornada demostradora está dirixida a todos aqueles usuarios, profesionais, empresas, asociacións e administracións públicas que desenvolvan a súa actividade arredor da náutica e do turismo
As empresas, entidades ou persoas interesadas poden inscribirse vía web na ligazón http://cdtic.xunta.es/inscribir
O consorcio de empresas Porto Meloxo e Wireless Galicia xunto co grupo de Sistemas Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela presentará mañá no Centro Demostrador TIC de Galicia a nova plataforma Nautigal de integración de servizos especializados para novos modelos de turismo náutico en Galicia.
Estes modelos serán canalizados a partir de un portal que integre servizos e produtos buscando a vertebración dun sector con forte presenza nas costas galegas, aínda que non unificado. A plataforma de servizos e produtos proxectada quedará definida e consolidada, procedendo á súa mediante un portal web (http://www.nauticapopular.com) que terá como temática específica a náutica.
O obxectivo final deste proxecto é dotar de unidade e estrutura ao sector da náutica nunha das rexións con maior potencial natural para o desenvolvemento destas actividades para potenciar e promovendo todo un modelo de negocio turístico neste terreo
Proxecto cofinanciado polo Plan Incite
A sesión, que se celebrará de 16:00 a 19:00 horas da tarde, presentará a plataforma Nautigal, resultado dun proxecto cofinanciado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia no marco do plan Incite, e porá de manifesto as enormes posibilidades que Internet e as Novas Tecnoloxías poden aportar a este sector. O evento contará tamén coa participación doutros invitados que presentarán aos asistentes diversos desenvolvementos
TIC de aplicación no campo da náutica
Esta sesión vai dirixida a todos aqueles usuarios, profesionais, empresas, asociacións e administracións públicas que desenvolvan a súa actividade ao redor da náutica e do turismo, especialmente no campo da náutica de recreo. Entidades coma clubs náuticos, federacións de vela, actividades subacuáticas, moto acuática, empresas de chárter náutico, asteleiros ou as propias confrarías, atoparán de grande interese esta xornada.
A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/inscribir).
Unha modalidade turística con gran potencial
Segundo explican os creadores de Nautigal o turismo náutico ten un gran potencial de desenvolvemento en Galicia dadas as boas condicións xeográficas que presenta para a súa práctica. Así mesmo, esta modalidade turística permite a diversificación e cualificación da oferta recreativa rexional, estando íntimamente ligado ao turismo de calidade e, por conseguinte, importante fonte de riqueza. Ademais, dado que o turismo náutico pode ser practicado en calquera época do ano, xoga un notable papel na desestacionalización da oferta turística galega, que permite a dinamización de certas áreas en retroceso económico tradicionalmente vinculadas co mar.
CDTIC
O Centro Demostrador TIC de Galicia, inaugurado o pasado 27 de xuño, é unha iniciativa para promover o uso efectivo das TIC nas empresas galegas de cara ao cumprimento dos obxectivos estratéxicos definidos na Axenda Dixital 2014.gal. O obxectivo do CDTIC é facilitar a incorporación das micropemes e autónomos á Sociedade da Información e facer máis competitivos os sectores estratéxicos de Galicia mediante as incorporacións das TIC aos seus modelos de negocio (automoción, construción naval, enerxía, téxtil).
Este escaparate tecnolóxico de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, e está cofinanciado con fondos FEDER.