Un Catálogo de Produtos e Servizos TIC ofrece as pemes galegas toda a información sobre as solucións de software libre que teñen ao seu alcance en Galicia
A publicación intégrase nas actuacións do Plan de Softtware libre da Xunta de Galicia
Achegar as pemes un maior coñecemento sobre as posibilidades que brinda o software libre, ese é obxectivo do Catálogo de Produtos e Servizos TIC que publicou esta semana a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. O documento, elaborado pola Asociación de Empresas Galegas de Software Libre en colaboración co departamento autonómico, forma parte das accións do Plan de Software Libre que puxo en marcha a Xunta en 2010 e que ten continuidade no presente ano.
O Catálogo de Produtos e Servizos de Software Libre está estruturado en seis apartados que cunha linguaxe sinxela describen as posibilidades que o software libre e como acceder a elas. A introdución serve de guía sobre como usar o catálogo ademais de explicar brevemente qué é o software libre e cales son as súas posibles aplicacións. O apartado situacións, organizado a modo de preguntas e respostas, explica ao lector as alternativas que hai no software libre a circunstancias habituais no ámbito empresarial.
O terceiro capítulo ofrece o listado das 27 empresas que integran Agasol, achegando os datos de contacto, situación e un breve resumo das súas liñas de negocio e servizos. No cuarto apartado do documento o lector atopará preto de preto de 90 produtos e servizos que ofrecen as empresas de Agasol. Esta información inclúe a descrición do produto ou servizo, o sector ao que vai dirixido, o tipo de licenza e a comunidade de usuarios, asociacións e empresas que dan soporte ao produto. Este catálogo facilita ao lector a busca de soporte en ferramentas de software libre.
A información anterior complétase cunha táboa cruzada de empresas e categorías que permite relacionar dun xeito rápido e visual as empresas e categorías de produtos e servizos que ofrecen. O documento péchase cun mapa no que se indican onde están ubicadas as empresas para que o lector saiba cales son as que ten máis próximas para acceder a solucións de software libre. O catálogo está dispoñible nas webs www.mancomun.org e http://imit.xunta.es.
Fomentar o coñecnemento do Floss nas pemes
A colaboración con Agasol é unha das liñas de acción iniciada en 2010 e que ten continuidade no Plan de Software Libre 2011. Ademais, potenciar a difusión e coñecemento do software libre entre as pequenas e medianas empresas é unha das liñas estratéxicas do Plan para este ano.
Ao longo de 2011 a Xunta contará co Centro Demostrador TIC para pemes, que porá a disposición das pequenas e medianas empresas unha carteira de servizos con solucións tecnolóxicas baseadas en software libre.
Continuando coas actuacións iniciadas durante o ano pasado, en 2011 potenciarase o servizo integral para a peme galega para que poidan dispoñer, desde a Xunta, dun punto de referencia onde coñecer solucións baseadas software libre. Así, ao longo do primeiro semestre deste ano realizarase unha actualización da información do directorio de empresas que ofrecen servizos relacionados co software libre para que calquera empresa non TIC, ou a propia administración, poidan contactar con empresas que provean solucións FLOSS. A oficina tamén asesorará a empresas do sector TIC sobre solucións de software libre. Por outra banda, continuarase coa elaboración de estudos comparados de software empresarial como o recentemente publicado sobre comercio electrónico.