Últimos días para inscribirse no curso sobre creación de contidos multimedia e web 2.0 da Rede CeMIT
Trátase dunha actividade gratuíta de 40 horas na que se explicarán os procedementos básicos para a creación de contidos multimedia adaptados á web e súa publicación nun servizo web 2.0
Aínda quedan prazas libres na aulas de Ares, Arzúa, Negreira, Oroso, Santa Comba, Vimianzo, Foz, Quiroga e Allariz
Pódense consultar as prazas dispoñibles e realizar a inscrición a través da web http://cemit.xunta.es
A actividade, que se celebra en 36 centros da Rede, enmárcase no seu Plan de Dinamización
Un total de 36 aulas da Rede CeMIT acollerán desde o vindeiro luns 19 de novembro e ata o 4 de decembro unha actividade sobre Creación Multimedia e Web 2.0, no marco do seu Plan de Dinamización 2012. Na metade das sedes o curso terá lugar de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, e nas outras de tarde, de 16:00 a 20:00 horas.
Esta actividade gratuíta de 40 horas ten por obxecto facer un percorrido polos procedementos básicos de creación de contidos adaptados á web, o proceso de obtención, edición e optimización, e finalmente publicación en servizos web 2.0. Contémplanse recursos de todo tipo: textos, imaxes, audio ou vídeo.
Os participantes na actividade obterán os coñecementos para xerar adecuadamente os contidos necesarios para a súa publicación nun blog ou algún outro servizo web 2.0, habilidades moi valoradas actualmente para moitos postos de traballo de diferentes sectores.
O curso desenvólvese en 36 centros da rede CeMIT mediante o sistema de videoconferencia, que permite a comunicación entre todos os participantes en tempo real a través de imaxe, chat, compartición e control de aplicacións remotas.
Aínda quedan prazas libres nas aulas de Ares, Arzúa, Negreira, Oroso, Santa Comba, Vimianzo (na provincia da Coruña), Foz e Quiroga (na provincia de Lugo), e Allariz (na provincia de Ourense). Para consultar as prazas dispoñibles e realizar a inscrición pódese acceder a http://cemit.xunta.es.
Plan de Dinamización
Esta iniciativa desenvólvese no marco do Plan de Dinamización 2012, no que a Rede CeMIT levou a cabo distintas actividades con temáticas relacionadas co sector multimedia e audiovisual, como o curso sobre streaming de audio e vídeo, posicionamento web, televisión en internet ou produción audiovisual, entre outros.
Programa de Formación da Rede CeMIT atópase cofinanciado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013.
A Rede CeMIt
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros. Do mesmo xeito, os contidos do Plan de Dinamización e da carta de servizos están dispoñibles na web http://cemit.xunta.es.