Turismo lanza un boletín informativo electrónico con noticias de interese para o sector
A newsletter será enviada de maneira regular ao sector turístico para que este poida obter datos prácticos sobre os proxectos, campañas, lexislación e demais actividades postas en marcha pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo.
A Consellería de Cultura e Turismo acaba de poñer en marcha, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, o lanzamento dun boletín informativo electrónico dirixido ao sector turístico. A newsletter, que será actualizada de maneira regular e enviada a todas as asociacións e entidades do sector que así o requiran, incluirá información práctica sobre os proxectos, campañas, ordes de axudas e demais actividades de interese realizados pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Secretaria Xeral para o Turismo.
Entre as novas que destacan neste primeiro boletín informativo figura a información relativa á modificación Lei de Turismo, cuxo borrador xa foi entregado ao sector para que incorpore as súas aportacións e conseguir, deste xeito, que o texto xurda do consenso de todos os axentes do sistema turístico.
Ademais, a newsletter da Secretaría Xeral para o Turismo informa da posta en marcha de cursos de idiomas de inglés, francés e alemán a nivel básico para profesionais do turismo e da hostelería, que se desenvolverán a partir deste mes de febreiro nas Escolas de Idiomas de Galicia e centros asociados. Os cursos están financiados pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, mediante un convenio coa Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Trátase de que os profesionais do sector poidan aplicar eses coñecementos lingüísticos ao seu campo profesional e gañar deste xeito unha maior competitividade.
Fitur 2010
No boletín electrónico, tamén se dá conta do que supuxo a presenza de Galicia na Feira Internacional do Turismo de Madrid, Fitur, a través dun balance en cifras. Máis de 60.000 persoas visitaron o stand institucional de Galicia en Fitur 2010. Na edición deste ano da Feira Internacional de Turismo de Madrid tamén se puido participar virtualmente a través do portal de internet www. galiciavensientela.com, creado especificamente para este certame, e que recibiu máis de 99.000 solicitudes de acceso.
Por outra banda, solicítase tamén a colaboración dos profesionais do sector para formar parte do programa ‘Destino en Detalle’ da Secretaría de Estado de Turismo. Neste caso, Galicia propoñerá persoas da súa organización para que asistan a cursos de formación de foramdores, que lles permitirán quedar cualificados como futuros formadores. Tamén se elixirán entidades que traballen na mellora da calidade ou no fomento e promoción do turismo nos seus ámbitos territoriais, e que estean interesadas en formar a persoal propio nesta materia.
A posibilidade de contar cunha ferramenta de comunicación útil e práctica coma un boletín informativo electrónico, permanentemente actualizable, permitirá que sector privado e Administración estean en permanente contacto, e aproveiten ao máximo a información de ámbito turístico que manexan habitualmente.