Turismo de Galicia presenta en Vigo un software pioneiro no Estado para mellorar a xestión dos pequenos establecementos turísticos e para compartir datos estatísticos

Martes 04 de Setembro de 2012

Turismo de Galicia presenta en Vigo un software pioneiro no Estado para mellorar a xestión dos pequenos establecementos turísticos e para compartir datos estatísticos

A ferramenta, que consiste nunha aplicación de xestión de pequenos establecementos hoteleiros, foi deseñada polo Instituto de Estudos Turísticos de Galicia e é gratuíta. Esta mañá, a directora do IET Galicia, Rosanna López Salgueiro, presentou o software aos hostaleiros da provincia de Pontevedra en compañía da xerente da Federación Provincial de Empresarios de Hostelería de Pontevedra, Yolanda Gómez Ambrosio

A ferramenta é compatible con outros sistemas, e algunhas entidades e organizacións turísticas xa amosaron a Turismo de Galicia o seu interese por coñecer a ferramenta e estudar unha posible cesión da mesma

En Vigo hai 49 hoteis e 39 pensións, mentres que na totalidade da provincia de Pontevedra existen 402 establecementos hoteleiros e un total de 261 pensións, segundo o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas. No conxunto da comunidade autónoma, a cifra de hoteis é de 884 e a de pensións de 1.181. Co obxectivo de mellorar o sistema de xestión interna dos establecementos hostaleiros de toda Galicia, o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia – IET de Galicia- vén de deseñar unha ferramenta pioneira de xestión de establecementos hostaleiros. Trátase dun software libre que permite unha xestión profesional e máis operativa aos responsables dos pequenos establecementos hoteleiros de Galicia que carezan de dispositivos e ferramentas tecnolóxicas axeitadas para realizar o seu traballo cotián como realizar reservas e facturas nunha base ordenada de clientes; procurar e modificar esas reservas ou facturas apropiadamente en función das características de cada pensión e de cada cuarto dispoñible; obter informes de xestión e plannings semanais e/ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación; isto é, operacións do día a día que afectan á carga de traballo do empresario, xerente, recepcionista, persoal de limpeza, de todo o plantel.

A directora do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, Rosanna López Salgueiro, presentou hoxe en Vigo, no Centro de Formación de Hostelería de Pontevedra, esta ferramenta e destacou que “grazas a ela, os pequenos establecementos turísticos da provincia de Pontevedra poderán ser xestionados como as empresas fundamentais que constitúen para o entramado turístico da nosa comunidade”. Segundo dixo, neste proxecto únense dous obxectivos básicos que son a mellora da calidade e a competitividade do sector turístico e máis a mellora do sistema de información estatística que posúe o IET de Galicia.

No acto estivo tamén presente a xerente da Federación Provincial de Empresarios de Pontevedra (Feprohos), Yolanda Gómez Ambrosio, quen felicitou durante a súa intervención a Turismo de Galicia pola posta en marcha desta iniciativa.

Segundo explicou a directora do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, Rosanna López, os obxectivos marcáronse en función dunha dobre necesidade que se detectou. Por unha parte a precisada polo propio sector hoteleiro de Galicia, que manifestou as dificultades que tiña á fronte dos seus negocios para a introdución de novas tecnoloxías de xestión ante a inexistencia dunha aplicación operativa. Por outra a manifestada pola propia Administración Turística, que recolleu no seu Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 como prioritario o apoio ás empresas na aplicación de tecnoloxías para o propio desenvolvemento – actuación 33 das 56 que conforman o plan-.

Así polo tanto, este software, de acceso libre, que está sendo presentado nas principais cidades galegas aos membros do sector turístico que poderán presenciar unha clase práctica para aprender a utilizalo e aplicalo nos seus negocios. Os principais beneficios que reportará aos hostaleiros serán: contar cun sistema de xestión sen realizar un desembolso económico porque non require pago de licencias e non ter restricións para a súa modificación, porque é un sistema de código aberto que permite ao hostaleiro adaptar o dispositivo ás necesidades específicas da súa empresa.

Ademais é un código independente do sistema operativo que posibilita a xestión de todo o ciclo de vida da reserva, e dende que o cliente chama ata a facturación final. É sinxelo, áxil e intuitivo no uso, polo que se aprende axiña, e facilita a coordinación con diferentes entidades e organismos estatísticos. Coñecer e poder modificar os prezos dos cuartos en función das características dos mesmos e diferenciar entre os variados axentes –quen reserva, quen paga, quen factura- son aspectos que se poden manexar doadamente a través deste dispositivo dixitalizado e que ademais nos permitirán coñecer mellor os perfís dos viaxeiros.

Deste xeito, os establecementos xerarán datos grazas a esta aplicación cedida libre e gratuitamente polo IET de Galicia, que serán enviados tanto ao Instituto Nacional de Estadística –semanal e mensualmente-, como á Policía Nacional, que recibirá cada entrada nos establecementos. A recollida de datos axustarase xa dende o inicio aos estándares de envío de ficheiros destes dous organismos, un método que permitirá obter datos máis fiables, previndo erros na escrita ou na dixitalización dos datos, pois extraerá directamente a información do sistema de xestión.

O software está dispoñible a través das asociacións de hostelería e tamén a través do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia.

Entidades turísticas como Exceltur xa contactaron co IET de Galicia para se interesar por esta ferramenta.